Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno inclúe o cumprimento do...

A SESIÓN DEBATE A INTEGRACIÓN NAS ÁREAS METROPOLITANAS

O pleno inclúe o cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Venres 27 de marzo do 2015

A sesión recolle a aprobación dun Recoñecemento extraxudicial de crédito no que se recollen facturas de 2014 que non se abonaron no mesmo exercicio. Despois de aprobarse no pleno de xaneiro un recoñecemento de 34.987,58 euros, agora sométese ao acordo plenario o segundo e último por un importe de 34.856,66 euros, para facer un total de 69.844, 24 euros. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliña que este importe marca "mínimos históricos" e que demostra "o bo facer dos servizos económicos do Concello", que xestionan ao longo do ano o pago de aproximadamente 6.000 facturas. A porcentaxe do recoñecemento respecto do total do orzamento municipal para 2014 é dun 0,30 por cen. Xa no apartado de mocións, o pleno abordará a aprobación dunha moción conxunta elaborada co acordo dos catro grupos da corporación sobre a eliminación da peaxe na autovía AG-55. Nela solicítase a gratuidade do tramo da autovía entre A Coruña e Arteixo para favorecer a mobilidade entre estas dúas localidades e o acceso ao Porto Exterior; que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, en cumprimento co Plan Move, revise o proxecto e inicie o expediente de contratación da variante de Carballo para favorecer a mobilidade no casco urbano; e, por último, demandar da mesma consellería a execución das variantes da Laracha, Paiosaco e Arteixo para mellorar a fluidez circulatoria nesas localidades e favorecer a circulación pola AC-552.

Mocións e comparecencias no pleno

Xa o BNG en solitario presenta unha moción sobre a caducidade dos dereitos mineiros do proxecto aurífero de Corcoesto. No texto, acórdase solicitarlle á Xunta de Galicia mediante o escrito formulado pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños a incoación urxente do procedemento de caducidade dos dereitos mineiros relacionados co proxecto de Corcoesto. Seguindo co apartado de mocións, a sesión inclúe dúas presentadas por TEGA. Na primeira, solicítase a retirada dun poste en Aldemunde no que está instalada unha antena de Retegal. TEGA solicita que se ordene á empresa instaladora a retirada deste poste e que no seu lugar se entuben os cables eléctricos dese tramo. Evencio Ferrero explica que se trata dunha obra promovida pola Xunta de Galicia e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, aclara que traballadores da Oficina Técnica están estudando se a instalación cumpre con todos os requisitos da licenza outorgada no seu día para realizar a instalación.

A segunda moción de TEGA refírese a uns veciños posuidores de terreos na Agra da Lagoa, a carón do Bosque do Añón. A proposta propón que o Concello inicie con estas persoas os contactos para fixar o prezo xusto dos terreos segundo o valor determinado polo PXOM para facilitar a creación dun "pulmón verde" na zona do Bosque, un dos obxectivos do goberno local. Ferrero explica que a zona é, efectivamente, "de interese preferente para a adquisición de solo" por parte do Concello, pero considera que, xa que hai máis propietarios de terreos interesados en realizarlle unha oferta de compra, debe realizarse unha oferta pública para que se presenten todos os veciños e veciñas que o desexen.

Por último, no apartado de seguimento de órganos de Alcaldía, abordaranse dúas comparecencias. No primeiro caso, e seguindo o recollido no Regulamento de Participación Cidadá, está previsto que compareza Teresa Viña García en representación dos comerciantes da zona centro de Carballo. En segundo lugar, recóllese a solicitude por parte do PP de que compareza Inés Rodríguez Muíño, Concelleira de Igualdade e Benestar, para falar da facturación dunha empresa. Esta comparecencia votarase polo pleno da corporación nesta sesión, como paso previo a que interveña na seguinte sesión ordinaria ou extraordinaria do pleno que se celebre. Este procedemento é o habitual que se ten adoptado con anteriores solicitudes de comparecencia de concelleiros nas sesións.

Compartir: