Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aproba por unanimidade o cumprimento do...

LUZ VERDE PARA A INCLUSIÓN NAS ÁREAS DE TRANSPORTE METROPOLITANO

O pleno aproba por unanimidade o cumprimento do requirimento de deficiencias e integridade documental do PXOM

Martes 31 de marzo do 2015

Dentro dos asuntos económicos, a orde do día incluíu o visto e prace para un Recoñecemento extraxudicial de crédito no que se recollen facturas de 2014 que non se abonaron no mesmo exercicio. Despois de aprobarse no pleno de xaneiro un recoñecemento de 34.987,58 euros, agora recibiu o apoio plenario o segundo e último por un importe de 34.856,66 euros, para facer un total de 69.844, 24 euros. Xa no apartado de mocións, houbo un acordo unánime respecto dunha moción conxunta na que se solicita a gratuidade do tramo da autovía entre A Coruña e Arteixo para favorecer a mobilidade entre estas dúas localidades e o acceso ao Porto Exterior. A proposta, que apoiaron todos os corporativos, tamén demanda que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, en cumprimento co Plan Move, revise o proxecto e inicie o expediente de contratación da variante de Carballo para favorecer a mobilidade no casco urbano; e, por último, demandar da mesma consellería a execución das variantes da Laracha, Paiosaco e Arteixo para mellorar a fluidez circulatoria nesas localidades e favorecer a circulación pola AC-552. Cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do resto dos grupos tamén recibiu luz verde unha moción sobre a caducidade dos dereitos mineiros do proxecto aurífero de Corcoesto. No texto, acórdase solicitarlle á Xunta de Galicia mediante o escrito formulado pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños a incoación urxente do procedemento de caducidade dos dereitos mineiros relacionados co proxecto de Corcoesto.

Dúas mocións presentadas polo trámite de urxencia

O resto das mocións presentadas durante o pleno non saíron adiante. Dúas, tramitadas por TEGA, estaban incluídas na orde do día, mentres que outras dúas foron presentadas polo PP no pleno polo trámite de urxencia. No caso das propostas de TEGA, non se aprobou nin a moción para retirar un poste en Aldemunde nin a relativa á oferta de terreos na zona do Bosque do Añón. Por parte do PP, a primeira moción instaba ao goberno municipal a "acometer directamente ou mediante empresa pública, ou someter a licitación a construción e explotación dun aparcadoiro soterrado na Praza do Concello. A segunda tamén instaba ao goberno municipal a "levar á próxima sesión plenaria unha modificación da ordenanza fiscal número 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de lixo e residuos sólidos urbanos". Ningunha das dúas propostas saíu adiante, a pesar do empate nos votos, debido ao voto de calidade do Alcalde, xa que a sesión contou coa ausencia entre as filas do PP do edil Juan Carlos Castro Pombo. O grupo de goberno votou en contra ao considerar que, xa que os comicios municipais son o 24 de maio, o máis axeitado é que sexa a nova corporación que resulte deses comicios a que adopte as decisións pertinentes respecto destes asuntos.

Como remate da sesión, e seguindo o Regulamento de Participación Cidadá, compareceu Teresa Viña García en representación dos comerciantes da zona centro de Carballo. Por último, votouse favorablemente que Inés Rodríguez Muíño, Concelleira de Igualdade e Benestar, compareza na seguinte sesión ordinaria ou extraordinaria do pleno que se celebre para falar da facturación dunha empresa coa administración local.

Compartir: