Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Biblioteca Rego da Balsa intensifica o seu...

O PROGRAMA INCORPORA OBRADOIROS E CONCURSOS

A Biblioteca Rego da Balsa intensifica o seu programa de actividades coincidindo cos meses do libro e da lingua

Luns 6 de abril do 2015

As citas comezan o mércores 15 de abril, ás 18.00 horas, coa estrea como contacontos na súa vila natal da actriz Alba Bermúdez, integrante da compañía Triatreros. Presenta na Biblioteca "Comechíns", un espectáculo infantil para rapazada de 4 ao 10 anos. Xa o xoves 30 de abril tamén ás 18.00 horas e dentro do ciclo de "Nais e pais contan", as usuarias Raquel Varela e Nuria Varela serán as encargadas de facer de contacontos. O sábado 2 de maio, ás 11.30 horas haberá un novo contacontos, #aBiblioConta, a cargo do persoal da biblioteca. E o mércores 20 de maio, ás 18.00 horas un novo espectáculo infantil, "Aventuras na cociña", da compañía TrinkeTrinke. Para rematar, o último xoves de mes, o 28 de maio, tamén ás 18.00 horas, contarán Noelia Pérez e Ainhoa García. Debido ao descanso de Semana Santa, en abril non houbo o faladoiro previsto para os primeiros xoves de mes, pero en maio si o haberá, e será a cargo do catedrático de Física da Universidade de Santiago, o baiés Jorge Mira, que, no mes das Letras Galegas falará, desde un punto de vista científico e didáctico, sobre o futuro da lingua galega. Será o xoves 7 de maio ás 19.00 horas con entrada libre e de balde, e co título "Desde o corazón do futuro da lingua".

Pequebasket e Semana do Libro e a LecturaO programa da biblioteca en abril e maio inclúe tamén obradoiros e un concurso. Así, o sábado 18 de abril terá lugar "O cadáver exquisito", un obradoiro para a elaboración dun mircorrelato creativo. Do 20 ao 26 de abril terá lugar o concurso nas redes sociais #ABiblioPréstame, para a visibilización dos libros, coincidindo coa semana do Día do Libro. E o propio Día do Libro, o 23 de abril, haberá tamén un obradoiro de marcapáxinas. Ademais, a Biblioteca Rego da Balsa é un espazo posto ao servizo da cidadanía e das entidades sociais para desenvolveren nela as súas actividades. Deste xeito, a Fundación Galiza Sempre desenvolverá unha mesa de debate sobre lingua e cultura, na que participarán Marcos Maceira (presidente da Mesa) e Marta Dacosta (poeta e directiva a AELG). Será o martes 28 de abril ás 19.00 horas. E dous días despois, o xoves 30, Basket Xiria presentará ás 19.00 horas o III Día do Pequebasket galego. Entre o 11 e o 15 de maio, cando terá lugar a Semana do Libro e a Lectura no Pazo da Cultura, a Biblioteca tamén acollerá exposicións de materiais deste programa. Coma sempre, todas as citas son de balde, aínda que algunhas contan con límite de prazas. Os interesados e interesadas poden preinscribirse ben nas propias instalacións da rúa Bos Aires, ou a través do enderezo <biblioteca@carballo.org>, ou do teléfono 981 758 580.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante a presentación da cita que este "novo ciclo de actividades" está pensado para "chegar a toda a sociedade" e que demostra que "Carballo é un concello con moita vitalidade". A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, tamén quixo agradecer a colaboración das nais e pais que desinteresadamente protagonizan o ciclo de contacontos na Biblioteca. Os interesados/as poden descargar o programa completo de actividades nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: