Inicio Carballo ao día Hemeroteca O baile contemporáneo chega a Carballo en...

ENTRE O 17 E O 30 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

O baile contemporáneo chega a Carballo en forma de hip hop, performance, xogos ou imaxinación coa Primavera enDanza

Mércores 8 de abril do 2015

Precisamente, Sutil quixo gabar as citas que se desenvolven no "magnífico e moi activo Pazo da Cultura", nomeadamente no caso da danza, "un xénero ás veces non tan presente pero moi rico en material creativo e interpretativo". O Director da Agadic quixo subliñar especialmente as actividades de achegamento á danza contemporánea que inclúe o programa, que recolle "unha excelente representación do bo facer da danza galega actual". O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo agradecer a colaboración da Agadic para facer posible Primavera enDanza, unha cita estable que xa cumpre trece anos sendo "unha excepción" no panorama das artes escénicas en Galicia, aínda que "non nos gustaría selo", xa que iso querería dicir que a danza contaría cun espazo importante e cotiá na programación cultural dos concellos galegos. Respecto do programa máis polo miúdo, é o seguinte:

  • Venres 17 de abril: As Dríadas - "A Orixe". Espectáculo dinámico e divertido para público xuvenil e adulto sobre a historia do hip hop, desde os seus inicios en New York nos anos 60 ata a actualidade, e que conta coa presenza da bailarina carballesa Alba Fernández. Entrada ordinaria: 3€. Entrada reducida: 2€. Duración prevista: 50 minutos.
  • Domingo 19 de abril: Entremáns - "Xoga". Fermosa viaxe para publico a partir dos 3 anos que, partindo da imaxinación, levaranos da man de dúas bailarinas ata o escenario para coñecer a marabilla do noso corpo, e que espertará nos pequenos espectadores novas sensacións e realidades. Entrada ordinaria: 4€. Entrada reducida: 3€. Duración prevista: 50 minutos.
  • Venres 24 de abril: Pisando Ovos - "Que volvan as flores". Peza que se reconstrúe cada vez que se representa e na que a variación é unha característica constante. 25 cadeiras que dan volume ás imaxes que se van construíndo e deconstruíndo, invitando ao espectador a encher coa súa mirada os ocos baleiros. A creadora e bailarina Rut Balbís enfróntase ela soa a unha peza aberta e viva. Entrada ordinaria: 3€. Entrada reducida: 2€. Duración prevista: 50 minutos.
  • Sábado 25 de abril: Colectivo Fume - "Fume". Sombras, cine e danza, son os tres elementos fundamentais deste espectáculo. A partir de imaxes da curtametraxe "E as chemineas decidiron escapar" do realizador Oliver Laxe, créanse atmosferas envolventes e xogos visuais que nos fan manter os sentidos atentos nunha aposta vangardista. Entrada ordinaria: 3€. Entrada reducida: 2€. Duración prevista: 50 minutos.
  • Xoves 30 de abril: Roser López Espinosa - "Lowland". O ser humano desde sempre quixo voar. Fascinados polas aves, polas súas migracións ou pola sensación de liberdade. Neste espectáculo volvemos á animalidade do corpo e do movemento, da aprendizaxe, do esforzo, a tenacidade e a resistencia, a beleza e ao espírito de liberdade grazas á prometedora coreógrafa Roser López Espinosa. Entrada ordinaria: 4€. Entrada reducida: 3€. Duración prevista: 50 minutos.

Venda de entradas e bonos a partir do 8 de abril

Existe a posibilidade de mercar un bono para asistir aos cinco espectáculos de danza contemporánea do programa Primavera enDanza. O bono ordinario ten un prezo de 13 € e o bono especial con desconto de 10 €. As entradas poden reservarse no 981 704 300 ou nas oficinas do primeiro andar do Pazo da Cultura cun límite de catro entradas por persoa. Tanto os bonos como as entradas están dispoñibles a partir do mércores 8 de abril en horario de 11.00 a 14.00 horas. Tamén é posible adquirir as entradas no despacho de billetes do Pazo da Cultura dúas horas antes do inicio de cada actuación. Os descontos aplicaranse a determinados colectivos que deben acreditar a súa circunstancia especial: estudantes con carné de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos. Hai que aclarar que os bonos non se poden reservar.

O programa Primavera enDanza 2015 compleméntase cunha serie de actividades de achegamento á danza contemporánea. Así, durante o festival varios dos espectáculos contarán cunha presentación especial en diferentes espazos públicos de Carballo, como o Xardín Municipal ou os tres institutos do municipio: Parga Pondal, Alfredo Brañas e Monte Neme. Así mesmo, un ano máis mantense a actividade "Como se crea un espectáculo de danza?", un encontro dos espectadores con bailarines, coreógrafos ou directores dos espectáculos para falar de cada unha das funcións co obxectivo de achegar a linguaxe da danza ao público. Teñen lugar ao remate de cada espectáculo no propio auditorio do Pazo da Cultura.

Os interesados e interesadas poden consultar o programa completo en pdf de Primavera enDanza nesta mesma nova. Tamén está dispoñible un vídeo en Youtube no que se reproduce a peza que a bailarina carballesa Alba Fernández ofreceu con motivo da presentación do programa no Pazo da Cultura. Trátase dun fragmento de "A Orixe", o espectáculo co que As Dríadas inauguran o programa no Pazo da Cultura o venres 17 de abril.

Compartir: