Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, primeira vila galega en implantar...

REPARTIRANSE PARAUGAS DE LIBRE USO EN ESPAZOS PÚBLICOS

Carballo, primeira vila galega en implantar "Paraúgate!", que fomenta o uso do paraugas colectivo para pasear e mercar

Mércores 8 de abril do 2015

Está previsto implantar a rede "Paraúgate!" de uso do paraugas colectivo en diferentes localidades galegas, sendo Carballo a pioneira desta iniciativa veciñal cara ao dinamismo comercial e mobilidade peonil dos carballeses polas súas rúas. A directora creativa da campaña, Rita Más Ybáñez, subliña que o símbolo do paraugas é "moi representativo da nosa terra", polo que parece perfecto para convidar a mercar e a pasear polas rúas. Os obxectivos do proxecto son promover a mobilidade, facilitando e convidando a camiñar polas rúas de Carballo; participar na proxección dunha cidade máis humanizada e moderna; captar e estimular a afluencia dos consumidores a través da súa mobilidade; e aumentar a presenza dos cidadáns nas rúas para activar a vida da vila. Os paraugas para libre uso nas rúas de Carballo entregaranse nos comercios, establecementos, cafeterías e restaurantes que así o soliciten. Poden facelo no enderezo electrónico <museo@carballo.org>, ou no teléfono 981 709 013. Facilitaránselles os paraugas e a cartelería propia da iniciativa. Tamén haberá paraugas nos servizos públicos, dependencias administrativas, centros de ensino, bibliotecas, Centro de Saúde, Fórum Carballo, Pazo da Cultura e a feira. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, considera un acerto empregar "un elemento colectivo tan identitario como é o paraugas" para poñer en marcha esta campaña e desexa que "detrás de nós veñan outros moitos concellos". Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador da campaña en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

Compartir: