Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os feridos en accidentes de tráfico...

O 36 POR CENTO DOS INCIDENTES DÉBENSE Á FALTA DE ATENCIÓN

Os feridos en accidentes de tráfico descenderon un 30 por cento no ano 2014, ademais de baixar os sinistros nun cinco por cen

Venres 10 de abril do 2015

A Policía Local tamén resalta no informe que a vixilancia sobre a seguridade viaria estivo centrada nas zonas de maior densidade de circulación, nomeadamente nas saídas e entradas dos colexios e institutos, incrementándose a determinadas horas do día, con especial atención aos pasos de peóns sen semáforo. Ademais do control do tráfico, os axentes tamén se centraron no control de venda de estupefacientes ademais doutros actos contrarios á lei nas inmediacións dos centros de ensino. As conclusións indican que non se rexistraron incidencias relevantes en 2014, ademais de que non se produciron accidentes nin atropelos nin se ten constancia de trapicheo con substancias prohibidas, nin nas zonas escolares nin na súa contorna. Xa no referente á vixilancia xeral sobre seguridade cidadá, a función policial en 2014 consistiu en intensificar o control, ademais de nos centros de ensino, nas zonas de ocio e diversión, nos lugares onde se concentra a mocidade, en áreas de celebración de "botellóns", no parque empresarial de Bértoa, en zonas con sospeitas de consumo ou distribución de drogas así como nas feiras e mercados, festas populares e festas patronais.

Máis de 2.100 incidencias rexistradas en 2014

A vixilancia realizouse de forma coordinada entre os dous corpos de seguridade con presenza no municipio, Policía Local e Garda Civil cun resultado que a Policía Local cualifica de "satisfactorio". As distintas actuacións sobre incidencias de diversos tipos sumaron un total de 2.166 en 2014, con 441 referidas a incidencias no apartado de seguridade cidadá. Levantáronse 112 actas de identificacións; realizáronse seis controis en campañas en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico cun balance de 10.796 vehículos controlados; tramitáronse 96 denuncias por incumprimento das normas de circulación; e foron retirados 122 vehículos das vías públicas. Respecto a outras actuacións, en 2014 foron detidas seis persoas, houbo tres sucesos de incautación de armas, obxectos ou substancias e tramitáronse 126 denuncias administrativas -con 21 referidas ao incumprimento da normativa por parte de locais de ocio nocturno-. O informe tamén menciona que no ano 2015 ditaminouse o peche da actividade no Pub Divinity, na rúa Estrela, e do Bar A Taberna na rúa Fomento, ambos por molestias na veciñanza (ruídos e pelexas).

Compartir: