Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa está aquí o Carballo Interplay, o festival de...

ACTIVIDADES NO PAZO DA CULTURA E NO FÓRUM ATÉ O 18 DE ABRIL

Xa está aquí o Carballo Interplay, o festival de contidos dixitais que transforma a vila nun punto de encontro para a cultura

Xoves 16 de abril do 2015

Despois da intensa xornada de apertura do xoves, que remata entrada a noite coa estrea ás 22-00 horas de dous produtos audiovisuais: o capítulo 1x06 da webserie "Entertainment", titulado "La reunión"; e a comedia "Searching for Meritxell", de Burnin' Percebes e Venga Monjas, o programa do venres 17 comeza ás 10.00 horas no Fórum Carballo cunha Master Class con Belén Santa-Olalla sobre "Webseries e Conducttr - Claves e trucos para conectar coa audiencia". Conducttr é un software de engagement de audiencia, que busca adquirir, activar e outorgarlle unha experiencia diferente ao público. Belén Santa-Olalla é Senior Creative Consultant de Conducttr e ten experiencia traballando con solucións de mobilidade, creatividade transmedia e desenvolvemento de experiencias interactivas e de universos narrativos.

Continúa tamén no Fórum ás 12.00 horas cunha charla con Joan Carles Martorell (2btube) sobre "Youtubers, profesionalización e produción de contidos no tubo tolo". Así, a televisión tradicional está perdendo o público por debaixo dos 25 anos e YouTube preséntase como un novo prime-time cun ecosistema de profesionalización completamente novo. Joan Carles Martorell é licenciado en Comunicación Audiovisual pola UAB. Realizador audiovisual e produtor multimedia. Ten dirixido curtametraxes (premiadas internacionalmente), televisión e proxectos web, ademais de ser colaborador docente en varios centros universitarios. Xa ás 13.00 horas ten lugar a segunda edición do coloquio aberto con creadores "Vermú con CREA", un encontro informal entre creadores froito da colaboración entre o Carballo Interplay e CREA, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia.

Labazadas audiovisuais "Malviviendo vs. Venga Monjas"Xa pola noite, vén un dos pratos fortes do festival, o InterFight: I Encontro de labazadas audiovisuais. "Malviviendo vs. Venga Monjas", presentado por Enrique Lojo e Daniel Vilaverde. Venga Monjas e Malviviendo cara a cara nunha noite que terá algo de combate épico e algo de concurso televisivo dos 90. A través dunha serie de probas, os nosos contrincantes diseccionarán os seus vídeos favoritos de Internet, porán a proba os seus coñecementos sobre Youtube e tentarán devolverlle os golpes ao adversario. Un evento no que o público, como xurado, decidirá quen sae airoso e quen bica a lona. Despois de cear, ás 23.00 horas, a Sala Dublín pon a nota lúdica cunha Sesión golfa con Poetarras. Poetarras é un colectivo arterrorístico formado por Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde. Naceu en 2013 logo dunha noite de esmorga a base de licor café e Galicolas. Os 3 mozos decidiron facerlle a competencia a Resistencia Galega e converterse no referente da loita armada do pobo galego, aínda que tiveran que renunciar ao traballo e á parella que non tiñan. As súas armas serían sketches e cancións, humor e música, retranca e melodías, e para a súa misión contarían co apoio de arterroristas autónomos.

Neste vídeo en Youtube algunhas das imaxes e declaracións do acto de inauguración e apertura do II Festival Carballo InterPlay.

Compartir: