Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación dun suplemento...

NOVA CALDEIRA DE BIOMASA PARA A PISCINA CARBALLO CALERO

O pleno aborda a aprobación dun suplemento de crédito para acondicionar zonas de aparcamento gratuítas por 190.000 euros

Venres 24 de abril do 2015

No apartado de facenda, a sesión tamén supón a aprobación dun expediente de crédito extraordinario por 299.693,59 euros, cuxo importe servirá para a instalación dunha caldeira de biomasa na Piscina Carballo Calero da capital municipal. Desta cantidade, 100.000 euros serán achegados polo Inega (Instituto Enerxético de Galicia), que lle concedeu unha subvención ao Concello de Carballo para a mellora da eficiencia enerxética. Esta actuación forma parte dun proceso emprendido polo Concello para substituír as fontes de enerxía derivadas do petróleo por outras, como a biomasa, xeradas no país e moito máis económicas. Os técnicos explican que o investimento estará amortizado en menos de catro anos despois da substitución da antiga caldeira. De feito, o Concello xa ten realizado a substitución das caldeiras da Casa do Concello e da Piscina Vila de Noia por outras de biomasa. No que respecta ao apartado de contratación, o pleno abordará a aprobación dunha prórroga dun ano para o contrato administrativo de xestión de servizo público de "Limpeza viaria do Concello de Carballo", que nestes momentos está realizando Aspaber UTE. O contrato fora adxudicado en 2004 por un prazo de dez anos coa posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha. No pasado exercicio formalizouse a primeira prórroga e agora formalizarase, se o pleno así o ditamina, a segunda prórroga, de tal xeito que a concesión volvería a licitarse en 2016.

O Concello paga facturas en menos de 20 días

Outro dos puntos incluídos na sesión refírese á concesión dunha bonificación no ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) para a empresa Casas Cube SL. No seu momento, a empresa comezara a construción dunha nave no Parque Empresarial de Bértoa sen a licenza correspondente e fora sancionada con 3.000 euros por esta irregularidade. Porén, dado que non houbo infracción urbanística e foi unha cuestión temporal, e xa que os técnicos emitiron informes favorables á empresa unha vez pechado o expediente de reposición da legalidade, agora sométese á aprobación plenaria a concesión desta bonificación no ICIO, que o Concello de Carballo ten estipulada nun 95 por cento. Así, de saír adiante o acordo, Casas Cube abonaría 2.340 euros polo imposto, en lugar dos 44.460 euros que constitúe o importe total. No apartado de seguimento de órganos de Alcaldía, a sesión tamén supón a dación de conta do Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 do 5 de xullo de medidas contra a morosidade relativo ao primeiro trimestre de 2015. Segundo os datos, entre xaneiro e marzo de 2014 o Concello pagou un total de 1.076 facturas por un importe de 4.319.17 euros cun período medio de pago de 19,34 días. Fóra do período legar efectuáronse 69 pagos por 111.251,50 euros. A ratio calculada para o trimestre é de 11,14, notablemente por debaixo do 30 que esixe o ministerio.

Ademais, e dado que é o último pleno antes das eleccións municipais de maio, durante a sesión realizarase o sorteo para a selección dos compoñentes das mesas electorais para os comicios do día 24. Tamén se recolle unha moción elaborada pola Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias), para esixir o mantemento dos servizos e funcións dos rexistros civís. E, por último, está prevista a comparecencia, a petición do grupo municipal do PP, da Concelleira de Igualdade e Benestar, Inés Rodríguez Muíño.

Compartir: