Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no último pleno do mandato para...

A SESIÓN PECHOUSE COA COMPARECENCIA DE INÉS RODRÍGUEZ

Luz verde no último pleno do mandato para mellorar zonas de aparcamento e dotar dunha nova caldeira a Piscina Carballo Calero

Martes 28 de abril do 2015

O pleno tamén sacou adiante un expediente de crédito extraordinario por 299.693,59 euros, cuxo importe servirá para a instalación dunha caldeira de biomasa na Piscina Carballo Calero da capital municipal. Desta cantidade, 100.000 euros serán achegados polo Inega (Instituto Enerxético de Galicia), que lle concedeu unha subvención ao Concello de Carballo para a mellora da eficiencia enerxética. Os técnicos explican que o investimento estará amortizado en menos de catro anos despois da substitución da antiga caldeira. Por unanimidade saíu adiante unha prórroga dun ano para o contrato administrativo de xestión de servizo público de "Limpeza viaria do Concello de Carballo", que nestes momentos está realizando Aspaber UTE. O contrato fora adxudicado en 2004 por un prazo de dez anos coa posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha. No pasado exercicio formalizouse a primeira prórroga e agora fíxose o mesmo coa segunda, de tal xeito que a concesión volvería a licitarse en 2016. Outro dos puntos incluídos na sesión, que foi aprobado cos votos a favor de todos os grupos excepto o PSOE, foi a concesión dunha bonificación dun 95 por cento no ICIO (Imposto sobre construcións, instalacións e obras) para a empresa Casas Cube SL. A empresa abonará 2.340 euros polo imposto, en lugar dos 44.460 euros que constituiría o importe total.

No apartado de mocións aprobouse por unanimidade unha proposta elaborada pola Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias), para esixir o mantemento dos servizos e funcións dos rexistros civís. En todo caso, durante o pleno puntualizouse que xa se ten feito público que o Goberno retirará a proposta para limitar as súas funcións. No apartado de seguimento de órganos de Alcaldía, a sesión tamén supuxo a dación de conta do Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 do 5 de xullo de medidas contra a morosidade relativo ao primeiro trimestre de 2015. Segundo os datos, entre xaneiro e marzo de 2014 o Concello pagou un total de 1.076 facturas por un importe de 4.319.17 euros cun período medio de pago de 19,34 días. O último pleno do mandato tamén viviu parte dos preparativos para as eleccións municipais do 24 de maio. Así, a sesión comezou co sorteo para a selección dos compoñentes das mesas electorais. Para rematar a sesión, compareceu, a petición do PP, a Concelleira de Igualdade e Benestar, Inés Rodríguez Muíño.

Compartir: