Inicio Carballo ao día Hemeroteca A filóloga e profesora Luz Cures...

PRESENTÁRONSE AO CERTAME UN TOTAL DE 36 TRABALLOS

A filóloga e profesora Luz Cures gaña o XI Premio a Artigos Xornalísticos de Lingua do Concello de Carballo

Martes 5 de maio do 2015

Luz Cures

O xurado do XI Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores reuniuse o martes 5 de maio para decidir o texto gañador deste certame, ao que se presentaron 36 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado «Etiquetaxe», de Luz Cures Vázquez. Segundo indicou o xurado na acta, o recoñecemento deste artigo débese «á súa clara mensaxe baseada en persoas e situacións reais, cun estilo innovador e orixinal, cunha mensaxe positiva e de construción, propondo borrar prexuizosas etiquetas existentes socialmente sobre o uso do galego». Hai que lembrar que os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o idioma galego e promover o seu uso na prensa escrita. O xurado do XI Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores Concello de Carballo estivo composto por Xosé Regueira, Concelleiro de Normalización Lingüística, como presidente do xurado; José Casás, gañador da edición anterior, xornalista e mestrado en Comunicación e Industrias Creativas; Patricia Blanco, xornalista, redactora de La Voz de Galicia; Xosé Cotelo, responsable da Mesa pola Normalización Lingüística en Bergantiños; e Nel Vidal, Técnico de normalización lingüística do Concello, como secretario.
Luz Cures Vázquez (Carballo, 1979. Na actualidade veciña de Bertamiráns, Ames) preséntase do seguinte xeito: «Nacín no 79 en Carballo, nun barrio humilde onde todos os pais estaban emigrados e onde as mulleres nos educaban co exemplo. O meu barrio foi fonte inesgotable de anécdotas e encheume a cabeza de ideas que algún día hei de escribir. Fíxenme filóloga porque me gustaba a literatura, aínda que tamén me valía ser política, xornalista ou calquera cousa que me permitise falar arreo e ler canto caese nas miñas mans. Agora dedícome á educación regrada, aínda que polo medio anden mil cousas. Facéndoo o mellor que podo». O artigo «Etiquetaxe» publicarase nos medios de comunicación colaboradores o domingo 17 de maio, Día das Letras, no caso dos medios diarios, e no número in mediatamente posterior a esa data no caso dos medios non diarios.


O xurado agradécelles a todos/as os/as autores/as a súa participación e sinala que «a convocatoria do Premio cumpre os seus obxectivos de promover a reflexión sobre a situación da lingua galega», tamén que « valora positivamente os traballos presentados, a participación e o traballo individual dos/as autores/as para achegar argumentos favorables para a posta en valor do galego e para o proceso de normalización da lingua», polo que «animan a todos/as os/as participantes a intentaren publicar e difundir os seus artigos, aínda que estes non fosen premiados». Nas dez edicións anteriores deste certame foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, María Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde, Carlos Callón, Mariña Pérez Rei ou José Casás.

Compartir: