Inicio Carballo ao día Hemeroteca O científico Jorge Mira ofrece un...

XOVES 7 DE MAIO ÁS 19.00 HORAS

O científico Jorge Mira ofrece un faladoiro na Biblioteca Rego da Balsa sobre o futuro da lingua galega

Mércores 6 de maio do 2015

Os datos indican que o futuro do galego pode ter certos problemas, cando menos se non mudan e se intensifican as medidas de apoio para a súa posta en valor e para o fomento do seu uso, polo que o prestixioso físico baiés Jorge Mira fixo unha análise científica da situación para intentar determinar mellor cal vai ser a situación da lingua nos próximos anos, e un dos principais resultados é que o seu futuro está na Costa da Morte, un futuro que cómpre extrapolar ao resto do territorio galego. Esta é a argumentación en que se basea o faladoiro previsto para o xoves 7 de maio, ás 19.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, protagonizado por Jorge Mira, un dos científicos galegos de maior relevancia, e titulado "Desde o corazón do futuro da lingua". Jorge Mira (Baio, 1968) é catedrático de Electromagnetismo da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela e director do programa ConCiencia, ademais de impulsor e colaborador de diversos e importantes proxectos de divulgación científica. Nesta conversa abordará, desde un punto de vista científico, a situación e futuro da lingua galega, achegando datos e propostas, e abrindo un diálogo coas persoas participantes. Este faladoiro, de entrada libre e de balde, está aberto á participación de todas as persoas que queiran asistir, e desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convídase especialmente aos departamentos de Galego e Física e Química dos institutos, ás asociacións culturais e a todas as persoas interesadas tanto na ciencia, como na lingua galega, a que se acheguen para escoitar a Jorge Mira.

Compartir: