Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra o Día das Letras cun programa...

CITAS ENTRE O 7 DE MAIO E O 5 DE XUÑO

Carballo celebra o Día das Letras cun programa variado con música, teatro, exposicións, citas lúdicas e moitos libros

Xoves 7 de maio do 2015

Respecto do resto do programa, as citas poden agruparse arredor do teatro e máis da música no Pazo da Cultura e no Xardín Municipal, sen esquecer as citas na Biblioteca Rego da Balsa, que inclúen proxeccións, faladoiros e contacontos. Respecto do teatro, o programa arrinca o venres 8 e sábado 9 de maio co novo espectáculo da Aula de Teatro Municipal de Carballo (ATM), "Sombras na noite", baseado nunha proposta de Woody Allen, unha comedia trepidante e con moito suspense que transcorre nas rúas de Nova York. Ademais, a AC Coro Vagalume presenta o 23 e 24 de maio as súas novas propostas teatrais con "Crispín e a profecía", "Vikingos", "Escola de piratas", "Todo é un conto" e "Un conto de piratas". Seguro que o Pazo da Cultura se enche cos novos espectáculos de Vagalume. A programación teatral péchase o mércores 3 de xuño coa posta en escena das propostas do Obradoiro da Aula Municipal de Teatro, cunha serie de traballos realizados a modo de taller experimental polo alumnado da aula.

Concertos de Novos intérpretes e citas na BibliotecaNo apartado musical, ademais das citas do Día das Letras no Xardín Municipal, o 17 de maio tamén ten lugar o Festival de Música e Baile tradicional "Encontros Culturais Arume" no Local Social de Verdillo. E o 27 e 28 de maio, e o 4 e 5 de xuño, celébranse os concertos de Novos Intérpretes co Conservatorio Profesional de Música, nos que o alumnado amosa o traballo realizado durante o curso. A Biblioteca Rego da Balsa acolle tamén numerosas citas do programa. A primeira, o xoves 7 de maio cun faladoiro titulado "Desde o corazón do futuro da lingua" a cargo do coñecido científico Jorge Mira. O mércores 13 é a quenda da proxección da peza audiovisual "Carballo opina", ademais da presentación da nova canle de televisión en galego, "Irmandade TV". No apartado de contacontos, a Biblioteca acolle dous citas. Unha o mércores 20 de maio coa compañía Trinke Trinke, que presenta "Aventuras na cociña" e que está dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos; e outra o xoves 28 coa colaboración das nais e pais usuarios da Biblioteca Rego da Balsa dentro do programa "Nais e pais contan!". Desta volta, as encargadas de facer o contacontos serán Noelia Pérez e Ainhoa García.

Por último, hai que destacar a celebración entre o 11 e o 15 de maio da X Semana do Libro e a Lectura, con exposicións, obradoiros para nenos e nenas, contacontos, etc., con citas todos os días ás 18.30 horas de balde para público familiar; os percorridos da Primavera en Ruta de Senda Nova, que en maio nos levarán a Trazo, Malpica, Cabana e Sofán; a exposición do XVII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, con 68 imaxes espectaculares; ou a entrega do Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores á gañadora deste ano, a carballesa Luz Cures. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou o programa xunto coa Concelleira de Cultura, Mar Eirís, subliñou a "vitalidade" e "intensidade" das actividades culturais do Concello, o que fai de Carballo unha vila "dinámica" e con propostas "tremendamente interesantes". Os interesados e interesadas en descargar o programa completo de actividades do mes das Letras, poden facelo en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

Compartir: