Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezan os preparativos para o verán nas...

LIMPEZA DIARIA DOS AREAIS A PARTIR DO 1 DE XUÑO

Comezan os preparativos para o verán nas praias carballesas, primeiras da Costa da Morte con selos de calidade ISO e EMAS

Xoves 14 de maio do 2015

O pasado ano, tan só 19 praias galegas dispuñan de certificación ISO 14.001 e so 14 obtiveran o EMAS, segundo datos de AENOR, unha das entidades certificadoras máis prestixiosas e con maior presenza. Malia a seren de implantación aínda escasa en Galicia, os certificados ISO e EMAS si son habituais noutros eidos do litoral norte estatal, como é o caso das praias vascas, coa da Concha como referente. Estes certificados esixen un compromiso coa prevención da contaminación, coa mellora continua do areal, coa xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Para a obtención dos certificados ISO e EMAS foron precisas a realización de diversas auditorías e controis de boas prácticas, como análises relativas á limpeza dos areais e das augas e atención especial ao servizo de socorrismo, a recollida de lixo ou a creación dun regulamento específico. Ademais, e para continuar coas boas prácticas, dende o 1 de xuño e até o 1 de outubro, desenvolveranse nos areais carballeses traballos diarios de limpeza, non só na praia, senón tamén nos accesos, aparcadoiros, zonas verdes, servizos hixiénicos, postos de socorristas e baleirado de papeleiras. O servizo estará dispoñible tanto nos tres principais areais carballeses -Razo, Baldaio-As Saíñas, e Pedra do Sal- como nas recollidas praias de Leira e Arnela, dous pequenos e acolledores areais situados no litoral que vai de Baldaio ao porto pesqueiro de Caión.

Compartir: