Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz Cures recolleu o Premio a artigos...

O SEU ARTIGO PUBLICOUSE O 17 DE MAIO CON MOTIVO DO DÍA DAS LETRAS

Luz Cures recolleu o Premio a artigos normalizadores de Carballo ante o novo mural de

Luns 18 de maio do 2015

Luz Cures recolleu o Premio a artigos normalizadores de Carballo ante o novo mural de

«Que alegría poder recoller un premio, pero sobre todo, poder facelo no meu Concello, Carballo, e por unha iniciativa para fomentar o galego». Esta foi unha das frases que salientou Luz Cures ao recoller o XI Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo de mans do Alcalde Evencio Ferrero e do Concelleiro de Normalización Lingüística Xosé Regueira. E fíxoo mentres os artistas carballeses O'Mighelo e Mon Lendoiro pintaban nunha parede do Pazo da Cultura un mural co lema "Que se vexa! o galego", unha frase coa que se quere «vincular a celebración das Letras Galegas coa visibilización da nosa lingua como un idioma vivo, útil, moderno, actractivo, visible e axeitado para todos os ámbitos e situacións e ao longo de todo o ano». Así, a través dun novo mural de Derrubando Muros con Pintura quérese dicir que temos «unha lingua que non se debe agochar, esconder nin invisibilizar. Unha lingua viva, rica, con cor e alegría», tal e como manifestou Xosé Regueira. A autora gañadora, Luz Cures Vázquez, naceu no 1979 no barrio carballés da Milagrosa, e na actualidade vive en Bertamiráns, no concello de Ames. É filóloga e dedícase á educación. No acto de entrega, Regueira, indicou que «o 17 de maio é un día moi especial para o noso idioma, mais todos o deben ser se queremos mil primaveras máis para a lingua». Por iso, «como dicimos con este mural», queremos «que se vexa o galego do 1 ao 31 e tamén o 17! Que se vexa a lingua cada ano, cada mes, cada día e cada hora porque é motivo de celebración os 365 días do ano»

Pola súa banda, o Alcalde carballés, Evencio Ferrero, indicou que se alegrou especialmente de que o premio «fose para unha carballesa, ademais do barrio da Milagrosa, unha zona revitalizada que merece ser noticia por cousas boas coma esta». A autora gañadora, Luz Cures, tamén indicou que «cómpre desetiquetar o galego», e «facer que sexa usado sen complexos en todas as situacións comunicativas». O artigo gañador, "Etiquetaxe", publicouse o domingo 17 de maio nos diferentes medios colaboradores: Diario de Bergantiños, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos. O premio está dotado con 1.000 euros e o artigo titúlase «Etiquetaxe». Velaquí o texto completo:

«O día que me volvín falante consciente non calculei que iso implicaría converterme en materia susceptible de etiquetaxe variada: catalogadora, simplificadora, descritiva pero, sobre todo, prexuizosa. {galegofalante}

Pola lingua que usaba supúxoseme unha orixe, unha filiación política e unha forma de ver a vida estereotipada. {nacionalista}

O dano que causan as etiquetas baseadas en prexuízos sófrese en moi variados ámbitos e todas mancan dun xeito ou doutro. {minusválido, feminazi, maricalla}

A min foi así como empezou a doerme a cuestión da lingua, sentíndome etiquetada. A primeira vez que alguén me preguntou por que falaba galego, tras a miña estupefacción pola agresión á intimidade, respondín dando razóns polo miúdo. {prepotencia, intimidación}

E continuei dándoas ata que me decatei de que nunha cuestión en que entran en xogo os prexuízos é moi difícil non ter que estar a rebater falacias de maneira infrutuosa. Os prexuízos non son racionais, polo que non se dan eliminado axiña, precísase de moito máis ca un argumentario intelixente e cómpre moito traballo de fondo para erradicalos, de aí a tan necesaria a implicación de moitos e moi variados ámbitos. Cal pode ser o motivo de que calquera persoa racional saiba apreciar que os coñecementos suman, que dominar unha lingua é unha riqueza, e que esta non é un ser vivo que vai facendo o mal por aí… e, con todo, se constate tanta acritude cara á lingua? Como é que conseguen callar eses discursos da imposición? {bilingüismo harmónico, trilingüismo, imposición}

Nunha ocasión, unha alumna moi creativa confesoume que eu non lle resultaba nada gailana. Os gailáns son os pailáns que por riba falan galego. As etiquetas sempre nos andan roldando aos galegofalantes. Hai por aí unha clasificación popular que acollín con humor, inda que sexa triste, que divide os falantes en paleos (de lingua materna) -entre os que se encontran os que mamaron a lingua pero que a usan de xeito diglósico, e os conscientes-; e os neos (de lingua aprendida) -nos que están os obrigados (radio, televisión, política…), que non o usan na vida cotiá nin se preocupan por un mínimo de rigor -os nonai, os choxuro e os ieu- e os neos combativos. {paleofalantes, neofalantes}

Os paleos conscientes e os neos combativos normalmente son os que máis reivindican os seus dereitos e os que aspiran a unha vida normalizada. Coa ampliación da familia decateime de que tamén acaba sendo materna a lingua da escola infantil, dos iguais, da veciñanza… Agora, ás veces cando as fillas me falan penso en como se debían sentir os emigrantes dos oitenta nesas pobres conversas interxeracionais en lingua estranxeira. {lingua materna, diglosia}

No meu caso a comunicación é efectiva, obviamente, pero non afectiva. E con isto gañei outras etiquetas. {radical, intolerante}

Mais inda con todo, o meu discurso cotián é positivo e traballo arreo para esborranchar etiquetas. Cada persoa que reflexiona sobre a súa actitude cara á lingua grazas aos meus esforzos é forza que sumo. Ao final daquel curso a palabra gailana desapareceu do idiolecto do grupo e a min deume azos para seguir traballando por unha situación en que elixir vida en galego non teña que doer. {etiqueta, prexuízo, daniño}»

Compartir: