Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Descenso do Anllóns e o Concurso de...

INSCRICIÓNS: ATÉ O 18 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

O Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas 2015 reparten arredor de 4.000 euros entre premios e subvencións

Mércores 20 de maio do 2015

No que respecta ao Concurso de Cachelas, hai que mencionar que ás 20 primeiras cachelas inscritas que participen no Concurso e non resulten premiadas correspóndelles unha axuda de entre 20 e 50 euros, segundo determine o xurado en función da súa calidade. Se o xurado considera que a súa calidade non é suficiente poderán non ter dereito a esta axuda. A valoración das cachelas realizarase, antes da súa queima, entre as 19.30 e as 23.00 horas do día 23 de xuño. Para realizar a valoración das cachelas, o xurado terá en conta a orixinalidade do deseño e a súa elaboración (tamaño, materiais empregados, calidade da execución, etc.). As cachelas gañadoras recibirán os premios que se sinalan a continuación, podendo o xurado deixar deserto algún deles se o estima oportuno. Así mesmo o xurado poderá outorgar accésits por un valor de 150 euros se o considerase pertinente:

  • 1º Premio: 600 €
  • 2º Premio: 250 €
  • 3º Premio: 175 €
  • 4º Premio: 125 €

No caso Descenso do Anllóns, as normas indican que as embarcacións deberán estar construídas artesanalmente e poderán ser propulsadas por calquera medio (remo, vela, pedais, etc.), exceptuando a propulsión mecánica a motor. Os participantes deberán percorrer o tramo do Río Anllóns comprendido entre o inicio do Bosque do Añón (Ponte de Bértoa) e o Parque do Anllóns, tendo en conta que, dado o baixo nivel da auga nalgunhas zonas do río, algúns tramos do percorrido deberán realizarse navegando e noutros a tripulación deberá transportar a embarcación. No circuíto haberá varias metas voantes e os participantes deberán efectuar varias probas de habilidade. O Descenso farase o día 25 de xuño a partir das 18.00 horas. As 25 primeiras embarcacións inscritas que finalicen o percorrido no tempo establecido, recibirán unha subvención por un importe de 30 euros. As embarcacións que cheguen á meta poderán recibir os premios que se sinalan a continuación, podendo o xurado deixar deserto algún deles se o estima oportuno. O xurado poderá outorgar accésits por un valor de 250 euros:
  • 1º Premio á embarcación máis orixinal: 300 €
  • 2º Premio á embarcación máis orixinal: 200 €
  • 1º Premio á tripulación máis simpática: 200 €
  • 2º Premio á tripulación máis simpática: 100 €
  • Premio ás probas de habilidade: 100 €
  • Premio á embarcación máis veloz: 100 € (patrocinado por Casa Francisco)

A entrega das subvencións e dos premios de participación nesta convocatoria realizarase con posterioridade á celebración do Descenso, mentres que no caso do Concurso de Cachelas realizarase durante a visita do xurado ás cachelas. Os interesados e interesadas poden descargar as bases ao completo en pdf nesta mesma nova, así como o modelo de declaración que deben cubrir os interesados e interesadas en participar nos concursos e as recomendacións por parte do Parque Comarcal de Bombeiros para o Concurso de Cachelas.

Compartir: