Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volven as Escolas de Verán de Balonmán Xiria con...

PARA NENOS E NENAS DE 4 A 14 ANOS; INSCRICIÓNS ATÉ O 13 DE XUÑO

Volven as Escolas de Verán de Balonmán Xiria con actividades lúdicas e deportivas durante os meses de xullo e agosto

Xoves 28 de maio do 2015

Nesta edición número 22 das Escolas, quen se anote fóra de data deberá pagar un recargo de 10 euros por mes, xa que, segundo explica Rodríguez, resulta moi complicado organizar os grupos se os interesados non se anotan a tempo e dificúltase moito o labor das Escolas. Está previsto cubrir as 250 prazas dispoñibles -nestes momentos xa hai 125 inscritos- e haberá arredor de 15 monitores, un por cada 15 ou 16 nenos e nenas. As actividades terán lugar nas instalacións do CEIP Fogar da capital municipal e e os interesados e interesadas en anotar aos seus fillos e fillas poden facelo nas oficinas Carballo Deporte, situadas na rúa Vila de Corcubión; ou no Pavillón Vila de Noia de 17.30 a 20.30 horas. Respecto das cotas, para dous meses a normal é de 140 euros ou de 120 para o segundo irmán e sucesivos; e de 80 euros para un único mes ou de 70 euros para o segundo irmán e sucesivos. A este prezo sumaráselle, de solicitalo, o importe do acollemento en Xolda de 7.00 a 10.00 horas, que é de 43 euros ao mes con almorzo; e de 33 euros ao mes sen almorzo.

O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante a presentación o carácter "pioneiro" das Escolas de Verán de Balonmán Xiria, que contan cunha "fórmula de éxito que se ten perfeccionado ao longo dos anos", o que queda probado por que ano tras ano se cobren todas as prazas. Do mesmo xeito, o Concelleiro de Deporte en funcións, Marcos Trigo, subliña que estas escolas son "un referente" que marcaron o comezo para que outras entidades creasen outras escolas de verán seguindo a mesma liña. Os dous esperan que os nenos e nenas aproveiten as actividades para practicar deporte e para divertirse facendo cousas novas. Na presentación das escolas tamén estivo José Antonio Rodríguez, Vicepresidente das Escolas Balonmán Xiria. Os interesados e interesadas poden descargar o tríptico informativo coa ficha de inscrición nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: