Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle entre o xoves 4 e o domingo 7 de...

SOBRE 80 PERSOAS PARTICIPAN NA CITA

Carballo acolle entre o xoves 4 e o domingo 7 de xuño o VI Batizado e Troca de Cordas de Abadá Capoeira

Xoves 4 de xuño do 2015

A capoeira naceu no Brasil da evolución de varias loitas e tradicións africanas que chegaron ao país da man dos escravos que Portugal tivo que traer principalmente de Angola (África) entre os séculos XIV e XVI. Durante o seu encarceramento, os escravos tiñan prohibido a práctica de loitas, por este motivo os historiadores apuntan que comezaron a camuflar estas loitas con outras artes. Despois da abolición da escravitude a finais do século XIX os escravos xa libres seguiron sendo explotados pola sociedade monárquica portuguesa. Lonxe de mellorar a súa condición social, organizábanse en bandas criminais de todo tipo. Este feito fixo que a capoeira fose declarada polo goberno de Brasil unha arte prohibida, estivo a piques de desaparecer pero sobreviviu grazas a que foi ensinada de maneira clandestina nos barrios máis desfavorecidos de Salvador de Bahía. Hoxe en día e grazas ao labor de Manuel dos Reis Machado (Mestre Bimba), que dotou á capoeira dun método de ensino propio e dunhas normas para a súa práctica, esta disciplina practícase en todo o mundo, celebrándose numerosas competicións como os Xogos Ibéricos, Europeos e Mundiais. En Carballo, a asociación Abadá practica de cotío este deporte nas instalacións do CEIP Xesús San Luís Romero, e teñen abertas as súas clases ao alumnado do centro e a todos os veciños e veciñas, nomeadamente nenos e nenas, que queiran aprender esta disciplina.

Compartir: