Inicio Carballo ao día Hemeroteca O deseñador Juanlu Fernández anuncia o San Xoán...

SEMANA ENTRE O 22 E O 28 DE XUÑO

O deseñador Juanlu Fernández anuncia o San Xoán cunha cachela e avanza un programa cheo de música, lecer e deporte

Venres 5 de xuño do 2015

Respecto das citas, xa están anunciados os concertos máis potentes con Auryn, nunha actuación que xa está desbordando as redes sociais con centos de fans preparados para invadir Carballo o día 25; e con bROTHERS iN bAND o sábado 27 de xuño, unha banda tributo a Dire Straits. Un dos seus integrantes, Oscar Rosende, estivo presente na presentación das festas e explicou que o grupo está facendo un percorrido por toda España con 15 persoas e asegura que é "unha honra que Carballo estea na nosa xira" e que esperan gozar do San Xoán "como un carballés máis". No apartado musical todos os anos destaca o Rockin', cun cartel de luxo conformado por Cápsula, Tokyo Sex Destruction, Terbutalina, Los Eskizos e os carballeses Arabian Evils. As verbenas tamén son outra parte fundamental do San Xoán, coa presenza este ano dos imprescindibles Los Satélites, pero tamén coas Orquestras Principal, Tango, Superhollywood, Poceiro, Alto Standing e Ledicia Espectáculo.

José Antonio Deus foi o encargado de falar da Festa do Bosque, que pecha o programa o domingo 28 de xuño. Pediu respecto para todos os veciños e veciñas que gozan da festa, para que o fagan "con calma" e tendo en conta que no Bosque do Añón hai sitio para todos e todas. Un ano máis colabora coa cita a asociación 13 lagartos e o programa inclúe unha sesión vermú coa presenza do Trío Trastres, xa tradicional no Bosque; o Concurso de sobremesas e licores caseiros que patrocina Confitería San Luís; xogos populares e a 113 edición do Campionato Mundial de baixada de augas dóces de barcos de papel; e pola noite sesión con DJ David e a música das rancheras de Mustang Charros, que Deus describe como "moi axeitadas" para o ambiente da Festa do Bosque. A noite remata cunha actuación que se pechará nos próximos días.

Pregón de Luis Fraga e fogos o sábado 27Outra das novidades é que os fogos de artificio, na Agra da Lagoa, serán o sábado 27, antes do concerto de bROTHERS iN bAND previsto para a 1.00. De novo, encargarase Pirotecnica Rocha. O pregoeiro do San Xoán tamén se fixo público hai uns días. O Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, foi o encargado de falar de Luis Fraga, un ferrolán, ao igual que o gañador do concurso do cartel, que ten presumido en moitas ocasións da súa "carballesía". Ferrero subliña que a Comisión ten intentado varios anos traelo a Carballo, pero que por motivos de axenda ou de traballo non puidera. Este ano, abrirá por fin as festas este xornalista que comezou a súa andaina na radio carballesa e que pasaba os seus veráns da infancia en Razo. No programa, sempre son fundamentais o Descenso do Anllóns e o Concurso de Cachelas que incrementan o seu orzamento e reparten arredor de 4.000 euros entre premios e subvencións, co patrocinio de Casa Francisco e Tomasa.

Polo demais, o mes de xuño está repleto de citas lúdicas, deportivas, culturais e de lecer que se encadran no programa do San Soán. Van dende a 1ª Xuntanza Amigos dos Coches Clásicos, ata o XI Torneo de Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo, a Carreira 10k Carballo, Xogar na rúa, ou o Festifolk Costa da Morte. Mención especial merece sempre a exposición colectiva de artistas carballeses e da contorna, que este ano presentan "Tricromías" o venres 12 de xuño e que estará na Sala Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura até o 30 de xullo. Este ano, os participantes presentarán obras en só tres cores, branco, negro e vermello. Non se pode esquecer a Mostra de Habaneras, que cumpre 19 anos, as charangas e pasarrúas, os actos litúrxicos coa procesión e os concertos na rúa Coruña, ou as exhibicións de taekwondo ITF e capoeira.

Evencio Ferrero foi o encargado de resumir ao remate da presentación o intenso programa, nunhas festas que, segundo explica "comezan sempre co aniversario de Rober Bodegas e este ano rematan co meu", xa que o día da Festa do Bosque, o 28 de xuño, o Acalde en funcións cumpre 60 anos. Con moito humor asegura que lle "custou moito traballo convencer á comisión" para celebrar a festa no seu día. Agradeceu o traballo da Comisión, a colaboración dos patrocinadores para lograr "esta festa supracomarcal" que espera que, de novo, festexen todos os carballeses e carballesas e a veciñanza da contorna.

Compartir: