Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebrou o último pleno do...

O SÁBADO 13 DE XUÑO ÁS 12.00 HORAS CELÉBRASE A TOMA DE POSESIÓN

Carballo celebrou o último pleno do mandato despedindo aos oito concelleiros que xa non formarán parte da corporación

Mércores 10 de xuño do 2015

Para o concelleiro do PSOE, José Antonio Viña, tivo verbas lembrando os oito anos que compartiron no grupo de goberno, e describiuno como "unha persoa leal e de traballo por Carballo". Para el, o seu "recoñecemento e afecto persoal". Para o seu compañeiro de filas, Daniel Pérez, tivo agradecementos por "ser unha persoa con reflexión seria, documentada e profunda" e por acceder a compartir traballo no goberno de Carballo. Por último, a Antelo e Lado, do PP, agradeceulles que asumisen responsabilidades de representación pública "nestes momentos en que temos que prestixiar a profesión política". Os concelleiros saíntes tiveron tamén a oportunidade de expresar as súas impresións logo do seu traballo na corporación e agradeceron, tamén todos, o labor dos funcionarios e persoal laboral do Concello, impecable e eficaz na súa relación cos corporativos. En primeiro lugar, Juan Carlos Castro coincidiu con Ferrero en manifestar o seu "respecto mutuo" e expresou que nos seus 20 anos de traxectoria na política local, o seu obxectivo "foi sempre defender os intereses públicos". Agradeceu a relación cordial que ten mantido cos compañeiros e compañeiras e púxose a disposición da nova corporación e dos veciños e veciñas para traballar a prol de Carballo, aínda que xa fóra do salón de plenos.

Verbas de Viña e Andrade

Moncho Antelo tivo agradecementos tamén para todos os seus compañeiros, nomeadamente para os do PP e para Alberto Sueiro, ex líder do PP carballés, por ter confiado nel. Desculpouse diante dos veciños e veciñas "por non terlle podido dedicar máis tempo" ás súas responsabilidades políticas. José Antonio Viña manifestou que foi "unha honra enorme ter estado aquí durante once anos" e asegura que a pesar dalgunha "páxara", marcha cunha sensación "moi positiva". Cre que, na súa traxectoria, mesmo chegou a trabar amizades cos seus compañeiros e compañeiras e desexoulle "sorte á nova corporación". Andrade reflexionou sobre as súas dúas etapas como concelleiro na corporación, unha primeira "cando entrei á democracia", e esta segunda "de cambio ilusionante da que me sinto moi satisfeito". Lamentou non poder levar a cabo algúns dos proxectos que tiña pensados e que "quedaron no tinteiro", e, como peche, manifestou a intención de seguir vendo a todos os corporativos fóra do salón de plenos, mais chanceando coa posibilidade de emprender no futuro unha terceira etapa como concelleiro. "Igual hai unha terceira", dixo non sen retranca e entre os risos dos presentes. Pechou a quenda de intervencións José Lado con verbas de agradecemento para todos e transmitíndolle os seus parabéns ao grupo municipal do BNG pola súa maioría absoluta e pedíndolles que "tratedes ben á oposición", da que el xa non vai a formar parte.

O Alcalde en funcións tomou de novo a palabra antes de pechar a sesión, desexándolle o mellor a todos e todas para o futuro, independentemente de que estean dentro ou fóra da corporación, porque "Carballo somos todos e esperamos seguir tendendo pontes de encontro".

Compartir: