Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto Apego ofrece un contacontos para...

DE BALDE NA BIBLIOTECA REGO DA BALSA CON INSCRICIÓN PREVIA

O proxecto Apego ofrece un contacontos para bebés, ´Contos de chupete´, na Biblioteca Rego da Balsa

Venres 12 de xuño do 2015

O proxecto Apego ofrece un contacontos para bebés

O mércores día 17 de xuño, a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo acolle unha nova actividade dentro do proxecto Apego, para a socialización en galego da infancia. Trátase do contacontos para bebés "Contos de chupete", de Migallas Teatro. A compañía ofrece un espectáculo que integra música, literatura e tradición oral no que os cativos e cativas poderán chuchar contos, cancións e arrolos ata encher a barriguiña! Este contacontos terá lugar a partir das 18.00 horas e a entrada é de balde, pero con inscrición previa (ao tratarse dunha actividade para bebés hai límite de aforo), que se debe facer na propia Biblioteca, no enderezo electrónico biblioteca@carballo.org ou no teléfono 981 758 580. Poden participar un máximo de 30 bebés de 0-3 anos acompañados/as por unha persoa adulta. Esta actividade desenvólvese no marco do proxecto Apego www.apego.gal e dentro do programa "Ler Conta Moito", patrocinado pola Xunta de Galicia. Hai que lembrar que o obxectivo de Apego é o de implicar ás familias na valoración positiva da lingua propia para, así, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual. O Concello proporcionaralles ás familias que o soliciten e que agarden un bebé (por embarazo ou adopción) materiais, argumentos, recursos e accións para axudarlles á crianza e organizará de cotío citas lúdicas específicas para crianzas. Os concellos que participan en Apego son, ademais de Carballo, A Baña, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

Compartir: