Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Curso de verán Traballando en lingua...

OS DÍAS 8, 9 E 10 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O Curso de verán Traballando en lingua céntrase, na súa edición número once, nos afianzamentos lingüísticos da mocidade

Xoves 18 de xuño do 2015

O Curso de verán Traballando en lingua céntrase, na súa edición número once, nos afianzamentos lingüísticos da mocidade

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Nel Vidal, veñen de presentar o Curso de verán sobre dinamización lingüística Traballando en lingua, que chega en 2015 á súa undécima edición e que un ano máis ten lugar en Carballo. Trátase dun encontro anual estabilizado en que nos dez anos anteriores se fixeron análises, debates, reflexións e propostas prácticas de cara á mellora do proceso de normalización da lingua galega, traballando o discurso, os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación, os métodos, etc. E nesta XI edición, que terá lugar no Fórum Carballo os días 8, 9 e 10 de xullo de 2015, o traballo centrarase en algo moi importante para o presente e futuro da lingua: a mocidade. Así, o programa trata de analizar as mudanzas e afianzamentos lingüísticos na mocidade, cos obxectivos de coñecer e analizar factores, motivos, razóns ou condicionantes que provocan eses cambios e afianzamentos de lingua na adolescencia e mocidade, avaliar experiencias desenvolvidas nese ámbito e propor medidas e accións de intervención. En definitiva, un curso que procura conseguir mellorar o uso e prestixio da lingua nos e nas adolescentes e na xente moza, un ámbito no que, non, #nontodoéfume! A cita está dirixida a persoas que traballen ou estean interesadas na dinamización lingüística e no proceso de dinamización da lingua galega e o prazo de matrícula está aberto até o xoves 25 de xuño. A inscrición pode formalizarse no web da Universidade da Coruña (UDC), clicando aquí.

Respecto das actividades que se desenvolverán durante o curso, a metodoloxía será a de combinar sesións teóricas e prácticas, formativas, de análise e de traballo conxunto con inclusión de relatorios, grupos de traballo, presentación de experiencias, obradoiros, debates e elaboración de propostas conxuntas. Entre os relatores haberá profesores da UDC pero tamén doutras universidades como a de Valencia, xornalistas, sociólogos, expertos do sector da música, do audiovisual ou da literatura ou organizadores de experiencias e actividades positivas nas que participa a mocidade e que xiran arredor da lingua. Todos e todas eles abordarán a situación da mocidade respecto da lingua dende un amplo número de perspectivas. Ademais, hai que subliñar que este ano, o primeiro día, xoves 9 de xullo, os participantes no curso poderán realizar a partir das 18.30 horas unha ruta guiada por diversos dos murais do proxecto "Derrubando muros con pintura" e do festival Rexenera Fest como unha cita lúdica que tamén da a coñecer o proxecto de arte urbana en Carballo. Os interesados e interesadas poden descargar o programa do curso ao completo en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

Compartir: