Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto Anllóns-Bardoso garante o...

A NOVA ETAP COMEZARÁ A FUNCIONAR COA CONEXIÓN Á REDE ELECTRICA

O proxecto Anllóns-Bardoso garante o abastecemento de auga ao municipio en condicións óptimas de cantidade e calidade

Venres 19 de xuño do 2015

O depósito de Seixo Branco, de 5.000 metros cúbicos de capacidade, pode recibir auga tanto dende o depósito actual do Anllóns, situado no Paraíso, coma dende a ETAP do Bardoso. E dende ese punto realízase o subministro aos fogares mediante unha condución de 1.630 metros que enlaza coa actual rede de abastecemento a Carballo xunto á Ponte de Bértoa. Deste xeito, non será preciso utilizar o depósito actual situado fronte ao IES Alfredo Brañas. De feito, o depósito xa foi anulado no mes de marzo aínda que se mantén con carga de auga para garantir a súa seguridade estrutural. Unha das características da actuación é que os dous depósitos, o novo do Seixo Branco e o actual do Paraíso, están interconectados, de maneira que no caso de avaría nun deles entraría en funcionamento o outro e o servizo estaría sempre garantido.

Abastecemento integral

O Anllóns-Bardoso é a primeira peza dun plan de abastecemento integral a todo o municipio. Nesta primeira fase permitirá garantir o subministro de auga ao casco urbano, ao polígono industrial e ás parroquias ás que xa chega o sistema actual. Nunha segunda fase o servizo estenderase a toda a zona norte, empezando pola costa. E grazas ao proxecto Anllóns-Bardoso no futuro tamén será posible ampliar a rede de abastecemento ás parroquias do sur (ao longo das estradas de Santiago e Ordes), co cal quedará garantido o servizo ao 100 % do territorio.

Por segunda vez na historia do Concello de Carballo, o goberno municipal do BNG foi quen de acadar financiamento europeo para unha obra que mellorará o servizo de abastecemento e a calidade da auga que chega aos fogares carballeses. O Proxecto Anllóns-Bardoso, que supón un investimento de 4.145.796,56 euros, está cofinanciado nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e supón o primeiro paso para estender a rede pública de auga a todo o territorio municipal.

Compartir: