Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebrou o pleno organizativo no que se...

MANTÉÑENSE CINCO DEDICACIÓNS E SÚMASE UNHA MEDIA PARA BENESTAR

Carballo celebrou o pleno organizativo no que se aprobaron, entre outros asuntos, as retribucións ou a periodicidade das sesións

Martes 30 de xuño do 2015

Respecto da periodicidade das sesións ordinarias, acordouse por unanimidade manter a actual. Así, a corporación celebrará sesións ordinarias do pleno o último luns de cada mes ás 20.30 horas, excepto no caso do mes de agosto, en que a sesión ordinaria trasladarase ao primeiro luns do mes de setembro. As comisións informativas permanentes serán a de Facenda e Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; a de Urbanismo e Mobilidade urbana -que inclúe Obras-; e a de Benestar e Participación Social. A estas hai que sumar dúas non permanentes que serían a Comisión Especial de Seguridade e a Xunta de voceiros municipais. Neste caso todos os grupos votaron a favor excepto o PP que se abstivo. No caso da designación de representantes da corporación en órganos colexiados, despois dunha obxección por parte de TEGA respecto do Consello Escolar Municipal, a proposta saíu adiante coa abstención de PP e tamén de TEGA.

Retribucións por plenos e Xuntas de Goberno

O réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da corporación permanece inalterable, quedando excluídas destas retribucións, como no mandato anterior, aqueles concelleiros que teñan dedicación asignada. No caso dos plenos, a retribución será de 90 euros para todos os concelleiros cun suplemento de 45 euros para os voceiros dos grupos políticos. Por asistencia á Xunta de Goberno Local a percepción será de 90 euros; 65 euros por cada comisión informativa e 60 euros de suplemento por presidencia das mesmas; e 36 por asistir ás mesas de contratación con 40 euros de suplemento por presidencia. Neste caso, o acordo aprobouse cos votos a favor de todos os corporativos, excepto o PP, que se abstivo.

No que respecta á asignación económica aos grupos políticos municipais, serán 100 euros por grupo ao mes, con 125 euros por concelleiro ao mes, unha proposta que apoiaron BNG e PSOE e que contou coa abstención do resto dos grupos. Por último, recibiu o visto e prace de todos os grupos excepto o PP, que se abstivo, a determinación do persoal eventual e as súas retribucións. Neste caso, designouse un único posto de persoal de confianza para a Secretaría da Alcaldía. Por último, douse conta das resolucións adoptadas polo Alcalde respecto das tenencias de Alcaldía, a delegación de competencias ou a designación dos membros da Xunta de Goberno. Esta información pode consultarse clicando aquí e aquí.

Compartir: