Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 100 pilotos participan no 7º Campionato...

AS FINAIS: DOMINGO 5 DE XULLO A PARTIR DAS 12.30 HORAS

Preto de 100 pilotos participan no 7º Campionato de España de Autocross esta fin de semana no Circuíto de Bértoa

Xoves 2 de xullo do 2015

A proba está organizada por Escudaría Coruña, coa colaboración de Máis Motor e o Concello de Carballo e Francisco Fernández, da presidencia do comité organizador da cita, quixo subliñar que o Campionato de España bate esta fin de semana o seu récord de participación do ano 2015. Espera que os pilotos ofrezan un "gran espectáculo", xa que na listaxe de inscritos hai moitos campións de España e os líderes da proba en cada unha das categorías. Así mesmo, quere subliñar a presenza de dúas especialidades, División I e III con súper turismos no primeiro caso e con monoprazas de autocross no segundo, como dúas das disciplinas "máis espectaculares" e que son difíciles de ver en Galicia. Por último, Fernández quixo agradecer a colaboración do Concello e o seu "esforzo" que fai que "Carballo sexa o centro neurálxico do automobilismo nacional durante unha fin de semana". O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, amosou o seu desexo de que un ano máis o público apoie a cita, ao igual que o responsable de Carballo Deporte, Francisco García Bello, que asegura que o Circuíto de Bértoa está en excelentes condicións para a disputa das carreiras.

Pechou a presentación do Campionato Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo, que resalta que é a sétima ocasión consecutiva en que o municipio acolle unha proba do Campionato de España de Autocross. Agradeceu a "implicación" de Escudaría Coruña, e subliñou que esta fin de semana "é unha oportunidade estupenda para os afeccionados ao motor", tamén desexando que algún carballés teña a oportunidade de subir ao podio, nomeadamente na categoría de Car Cross, na que hai máis posibilidades. Os interesados e interesadas poden descargar o Regulamento oficial da proba, así como a listaxe completa de inscritos e os horarios das carreiras e dos trámites administrativos polo miúdo, máis abaixo nesta mesma nova.

Compartir: