Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Festival Sereas e Piratas celebra o seu décimo...

SÁBADO 11 DE XULLO TODO O DÍA NA PRAIA DE RAZO

O Festival Sereas e Piratas celebra o seu décimo aniversario cun cartel encabezado por Aerolíneas Federales

Xoves 2 de xullo do 2015

Este ano, o festival ofrece unha ollada nostálxica con Aerolíneas Federales como cabeza de cartel, unha banda viguesa emblemática nos 80 que, en verbas de Deus, teñen cancións que son "auténticos himnos dunha xeración". Continuando co cartel do festival de noite, hai que mencionar a Bigott, un grupo de culto zaragozano que ofrecen en Carballo o seu único concerto en Galicia; a Los Punsetes, que cumpren, ao igual que o festival, dez anos de vida e que a organización desexaba traer dende hai tempo; Jupiter Lion, banda de rock valenciana nestes momentos de xira por toda España; Puma Pumku, un grupo galego de Santiago de Compostela, de estilo psicodelia; e Chicharrón, unha banda moi vinculada á organización do festival, nacida como homenaxe ao desaparecido artista Alberto Gende e na que toca o seu irmán. Un grupo que, ademais, están tendo moita repercusión por toda Galicia. A noite tamén estará animada polos Djs Cheese&Bacon, de marcado estilo indie.

Festival de díaXa falando do festival de día, como sempre hai espazo para o deporte, para a diversión e para a música, sempre de balde. As citas deportivas terán un marcado aire retro, cunha tarde marcada polo Surf Contest Single Fin Classic e co concurso de Long Skate, en ambos casos competicións con disciplinas moi vistosas que poderán observar todos os veciños e veciñas que se acheguen a Razo o sábado 11. Ademais, pola mañá haberá un divertido obradoiro de iniciación ao skate. E un ano máis terá lugar o Torneo de Volei-praia Sereas e Piratas na explanada, que ofrece interesantes premios en metálico e que conta coa colaboración de Volei Xiria. No apartado máis musical, ás 14.00 horas hai unha sesión vermú con Álex Casanova, un músico de Santiago de Compostela que está pegando forte este verán con citas en festivais de toda España e que mantén un estilo ochentero e electro pop. Na zona do festival de día tamén está previsto que haxa un Mercado de surf, que se celebren as citas do Pequepop, con obradoiros de artesanía con sorpresa a cargo de Cosmogonías, e a posibilidade de comer paella ao mediodía escoitando boa música.

Xa despois de comer, as actuacións musicais de balde complétanse cos carballeses Aula 11, uns raparigos moi novos que son toda unha sorpresa dentro do panorama musical, con moita proxección de futuro e que veñen de gañar o concurso sub 18 de Radio 3 España; e con Not only shills, un grupo de Ponteceso que definen o seu estilo como indie post-punk revival. Estarán acompañados polos Djs Chulapos, Quique Fábrica e Nano Vinilo.

Compartir: