Inicio Carballo ao día Hemeroteca Música, teatro, danza e citas culturais e de...

UN TOTAL DE 12 XORNADAS ENTRE OS MESES DE XULLO E AGOSTO

Música, teatro, danza e citas culturais e de lecer para todos os públicos, xunto co Festival Dando a Lata, no Verán Cultural

Venres 3 de xullo do 2015

E continúa con todas as citas do Festival Dando a Lata, que van dende un concerto con folk, rap, hip-hop e pop-rock con artistas como Samarúas, Rayden, Mediyama, Mesh e Darwin o venres 10 de xullo; ata danza coa compañía madrileña Dancem o venres 17; o Festival e concurso Pop-Rock Calvo no Rego da Balsa o 18 de xullo; o concerto de Mamá Cabra para público familiar no que celebran os seus 15 anos de vida o venres 24 de xullo; e o peche o venres 31 co jazz de David Dominique Jazz Band e o seu tributo ao swing. Toda a información sobre o Festival Dando a Lata, clicando aquí. O mes de xullo complétase cunha cita de referencia dentro do panorama festivaleiro en Galicia, o Sereas e Piratas, que celebran o seu décimo aniversario cun cartel inmellorable e unha mirada un tanto nostálxica con Aerolíneas Federales como cabeza de cartel e con outros grupos de referencia como Bigott, co seu único concerto en Galicia no Sereas, Los Punsetes, Jupiter Lion, Puma Pumku e Chicharrón. Toda a información sobre o festival, clicando aquí.

En agosto, para o público máis infantil o venres 14 está Circo Chosco, un espectáculo de clown, de poucas palabras e moitas loucuras, para todos os públicos e no que se xuntan a comedia e o circo. E xa para o público adulto, a programación céntrase na música: o venres 7 con Radio Cos, formación con dous pandereteiros e cantadores ben coñecidos, Quique Peón e Xurxo Fernándes, a alma dunha banda que fixo evolucionar de forma natural a música tradicional; e o venres 28 de agosto con Guadi Galego, unha das voces máis celebradas e recoñecidas do panorama musical galego, que leva toda unha vida enriba dos escenarios, levando o seu talento a diversos proxectos, algúns xa desaparecidos, como Berrogüeto ou Nordestin@s. A programación de agosto complétase co xa imprescindible Festival de Música e Baile Tradicional, o 21 de agosto coa Banda Municipal de Gaitas, os Grupos de Pandereteiras Xoldreira da AC Nemeth, os Grupos de Música e Baile Tradicional de Arume de Berdillo e os Grupos de Música e Baile Tradicional da Asociación San Martín de Razo. E, así mesmo, completa o programa a tamén imprescindible Praza dos Libros, do 20 ao 23 de agosto, unha festa da creatividade, das ideas e das letras patrocinada por Calvo.

Noites de cineEntre as actuacións, hai que reservar un espazo especial para a Agrupación Musical Saint Luc de Banakintú, que o xoves 9 de xullo ofrecen un concerto de máis de 30 intérpretes que poñen en escena música e danza tradicionais de Costa de Marfil e cancións de artistas africanos, acompañados de diferentes instrumentos de percusión, guitarras e trompetas tamén hai que mencionar. Como cada ano, tampouco poden faltar as Noites de cine, con 18 sesións, once delas espalladas nas distintas parroquias do Concello os martes e os xoves, cos mércores reservados para as proxeccións na capital municipal. E tamén hai que mencionar as achegas das distintas asociacións culturais do municipio, co Arte na rúa e a exposición Tricromías da Asociación Crea Formas, ou citas como a Romaría do Gaiteiro do San Cristovo, a XXIII Romaría Galega de Imende, o Albaroque de Berdillo, o Curso de verán Traballando en Lingua, etc. Ademais de todas as festas patronais e festexos que enchen o almanaque do verán en cada unha das parroquias carballesas.

O recen estreado Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, quixo felicitar ao departamento de Cultura polo seu excelente traballo á hora de realizar o programa, e tamén á súa compañeira e até o de agora Concelleira de Cultura, Mar Eirís, que foi quen realmente axudou na elaboración do programa do Verán Cultural 2015. Os interesados e interesadas en consultar as citas polo miúdo, poden facelo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: