Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta emite unha Orde na que se recollen as...

XUNTANZA O XOVES 9 NA SECRETARÍA XERAL DE URBANISMO

A Xunta emite unha Orde na que se recollen as modificacións precisas para que se produza a aprobación definitiva do PXOM

Luns 6 de xullo do 2015

Ferrero tamén quere subliñar que Carballo conta con 186 quilómetros cadrados de territorio e con máis de 300 núcleos polo que "nese volume sempre hai cuestións que matizar e pulir" e "era máis que previsible que houbera algún requirimento". Engade que "a propia Conselleira considerou que se trata dun procedemento ordinario" que ten a intención de "axilizar" o máis posible e que a Oficina Técnica xa comezou a traballar para cumprir con cada unha das peticións, ademais de terlle enviado xa copia da orde a cada un dos grupos políticos con representación na corporación, xa que o PXOM foi elaborado por todos eles e aprobado por unanimidade do pleno. O Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, tamén quere resaltar que moitas das modificacións esixidas "teñen fácil solución" pero que se trata dun traballo laborioso e "inxente" que perseguirá en todo momento "unha coherencia interna total e absoluta" do PXOM. En todo caso, ninguén ofrece ningún prazo para rematar coas subsanacións, xa que o obxectivo, salienta Lantes "é que o documento vaia ben pechado".

Capacidade residencial

Entrando nas especificacións do documento máis polo miúdo, hai que mencionar que o informe "valora moi positivamente" a redución do solo susceptible de transformación urbanística e a capacidade residencial, que queda establecida en 12.263 novas vivendas, polo que un dos puntos que máis debate ten suscitado no pasado semella que neste caso con xera ningunha modificación relevante. O Arquitecto Municipal tamén sinala que "unha parte moi substancial" do documento se refire á carencia de servizos urbanísticos que si existen, pero que non están xustificados no PXOM. Nestes casos, coa inclusión dun informe municipal ao respecto a subsanación ten "fácil solución", segundo Garrote. Tamén se sinalan unha serie de erros respecto da falta de documentación, de xustificacións ou de grafías que tamén son facilmente corrixibles.

De novo, infórmase "desfavorablemente" a ordenación proxectada nos ámbitos UU-R13 e UU-R14, na zona do San Martiño e nunha área na contorna da rúa Vila de Negreira da capital municipal, e que están afectados pola zona de fluxo preferente recollida nos mapas de zonas inundables do Plan Hidrográfico de Galicia Costa. Neste aspecto tamén se menciona o solo urbano non consolidado UU-R19, situado na contorna da Estación de Autobuses nova. En todo caso, Milagros Lantes explica que se incluirán as xustificacións elaboradas até o de agora para estes ámbitos, seguindo o criterio doutros concellos que están en proceso de elaboración do seu planeamento e que contan con zonas en situación similar. Outro dos puntos do documento refírese ao asentamento dos Canedos, en Bértoa, entre outros; e tamén á zona costeira de Razo e Arnados, nos que se esixen unha serie de modificacións respecto do PXOM enviado que tamén deberán ser tidas en conta.

En todo caso, o goberno non marca prazos concretos para a incorporación das esixencias da Consellería pero aclara que todo aquilo que non se reflicte na Orde, a amplísima maioría da documentación do PXOM, enténdese como "tacitamente aprobado". Agora o proceso require que todos os cambios que se realicen seguindo as indicacións da Xunta sexan levados de novo para a aprobación do pleno da corporación e posteriormente, remitiranse de novo á Xunta á espera do visto e prace definitivo.

Compartir: