Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Curso Traballando en lingua visita Carballo un...

ESTE ANO A CITA ABORDA A SITUACIÓN DO IDIOMA NA MOCIDADE

O Curso Traballando en lingua visita Carballo un ano máis coa arela de fortalecer a lingua e á xente que traballa a prol dela

Mércores 8 de xullo do 2015

Así, para Nel Vidal, outro dos obxectivos do curso é o de que "que nazan ideas, proxectos e ilusións para mellorarmos a lingua", e, no caso desta edición, nomeadamente "no contexto da mocidade". Precisamente Valentín García quixo subliñar que "os datos revelan que onde máis se precisa a nosa intervención é precisamente na mocidade", unha etapa da vida "na que non é fácil intervir". Para combater as eivas existentes, Armesto, como Reitor, propón "formular unha correcta diagnose que combine realismo e ambición transformadora" xa que "a nosa lingua ten que seguir sendo o primeiro signo da nosa identidade como país". O Alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado de pechar o acto de apertura do curso, que cre que ten "un programa tremendamente atractivo" e que ten derivado outros anos "nun proxecto fermosísimo como é o de Apego". Espera que esta edición do curso consiga que se reflexione e que se elaboren "estratexias compartidas polo conxunto da sociedade galega", porque "neste país, o idioma que nos identifica como tal é o idioma galego". Así mesmo, quixo agradecer a todos os membros da organización que "sigan apostando por Carballo" para acoller Traballando en lingua e rematou dando a benvida ás "persoas doutras terras que nos visitan", que espera que pasen unha boa estadía na vila.

Logo das benvidas institucionais, o curso arrincou da man de Tina Formoso, que falou, como profesora e sociolingüista sobre "O imaxinario social do galego na mocidade", apoiándose de interesantes vídeos de mozos e mozas expresando as súas sensacións sobre o galego e a súa crianza no idioma. Tirou interesantes conclusións respecto de moitos dos prexuízos que os mozos e mozas gardan respecto do galego, como que é unha lingua "rural" ou que é unha lingua "dos nacionalistas", ofrecendo claves para mellorar a súa percepción. Pechou a mañá Ferran Suay, Doutor en Psicoloxía da Universitat de València, que reflexionou sobre "Que hai detrás das mudanzas de lingua na xente moza?". E de hoxe ata o venres haberá moitos máis relatorios, pero tamén sesións prácticas para seguir afondando no tema, incluíndo unha ruta guiada de arte urbana por diversos murais do proxecto Derrubando muros con pintura o xoves 9 a partir das 18.30 horas. Os interesados e interesadas en coñecer o programa completo polo miúdo, poden consultar a páxina web do curso máis abaixo nesta mesma nova

Compartir: