Inicio Carballo ao día Hemeroteca E como van comezar a falar os nenos e as nenas?...

XOVES 28 DE XANEIRO ÁS 18.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

E como van comezar a falar os nenos e as nenas? Podes sabelo na charla que ofrece Manuel Núñez Singala en Carballo

Xoves 28 de xaneiro do 2016

E como van comezar a falar os nenos e as nenas? Podes sabelo na charla que ofrece Manuel Núñez Singala en Carballo

Como transmitirlles a lingua aos nenos e nenas? Que falarlles? Por que? Como adquiren a linguaxe? Como van falar? Estas, entre outras, son as preguntas que se intentarán responder de maneira práctica na charla-obradoiro que ten lugar este xoves 28, ás seis da tarde, no Pazo da Cultura. Dela encargarase o sociolingüista e escritor Manuel Núñez Singala, que é, ademais, director da área de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, e que falará sobre a oportunidade da transmisión lingüística. Aínda que, en principio, a charla vai dirixida a nais e pais, presentes ou futuros, está aberta á asistencia de calquera persoa interesada. Manuel Núñez Singala (Vilalba, 1963) é sociolingüista e escritor. Traballou no Parlamento de Galicia e mais na Xunta de Galicia, e desde 1988 dirixe o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. É,  ademais, autor de diversos e exitosos libros, desde o teatro, como "O achado do castro" (unha das obras máis representadas nos centros de ensino) ou "Comedia bífida" (tamén levada a escena) á narrativa, con obras como "Instrucións para tomar café" (2014) ou "Menú de enganos" (2010). Tamén destaca o seu ensaio práctico sobre a lingua "En galego, por que non?". A asistencia á charla é libre e de balde, aínda que se pode confirmar asistencia no Servizo de Normalización Lingüística (981 704 304). Esta actividade enmárcase dentro do proxecto Apego (www.apego.gal), a través do que se procura axudar á socialización da infancia en galego.

Compartir: