Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un carballo substitúe dende hoxe na Praza...

A NOVA ÁRBORE PROVÉN DUNHA FINCA DE SOFÁN

Un carballo substitúe dende hoxe na Praza do Concello ao ciprés centenario derrubado polo vento a finais de decembro

Mércores 10 de febreiro do 2016

O carballo foi cedido por un veciño de Sofán

O carballo foi cedido por un veciño de Sofán

O oco deixado na Praza do Concello polo ciprés centenario que fora derrubado o pasado 30 de decembro como consecuencia dun forte temporal de choiva e vento será ocupado a partir de agora por un carballo. Así o anunciou o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, que explica que a nova árbore provén dunha finca dun particular nos Carrís, parroquia de Sofán. Integrantes da Brigada de Obras están xa procendendo ao replantado do carballo, aínda que non será ata a primavera cando saibamos se prendeu ou non. En todo caso, dende a Brigada confían en que non haxa ningún problema e que todo transcorra con normalidade.

Integrantes da Brigada de Obras replantaron o carballo, aínda que non será ata a primavera cando saibamos se prendeu ou non

Hai que lembrar que a árbore centenaria pereceu ao caer derrubada polo vento aínda que non ocasiounou danos materiais nin persoais. Así, o ciprés caeu de tal forma que non danou nin o quiosco da Praza do Concello, nin tampouco o edificio da casa consistorial nin tan sequera os puntos de luz situados a carón do ciprés ou o monolito. Na caída simplemente levou por diante un cable eléctrico. Debido á hora do suceso (de madrugada), de escaso tránsito, tampouco houbo que lamentar que ningunha persoa resultase ferida. Aínda que cos últimos temporais a árbore fora perdendo parte das súas pólas e de que outras xa estaban secas, o ciprés era un símbolo do Xardín Municipal pola súa lonxevidade. O Concello espera que o novo carballo acabe sendo co paso do tempo outro símbolo e motivo de orgullo para os veciños e veciñas.

Compartir: