Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aloumiños celebra o seu aniversario co festival...

A CITA: O DOMINGO 21 DE FEBREIRO A PARTIR DAS 17.00 HORAS

Aloumiños celebra o seu aniversario co festival Incluson para axudar a crear unha sociedade inclusiva, tamén na cultura

Venres 12 de febreiro do 2016

Respecto ao desenvolvemento da xornada, as entradas para o espectáculo, previsto para as 18.00 horas, poderán recollerse o mesmo día 21 a partir das 16.30 horas no despacho de billetes do Pazo da Cultura. Na taquilla haberá representantes de Aloumiños que tamén ofrecerán a venda de rifas para recadar fondos para a entidade. A rifa dá dereito a participar nun sorteo que terá lugar ao longo da xornada no que poderá gañarse un libro-cd de María Fumaça, así como algún dos cadros elaborados por usuarios e usuarias de Aspaber, que tamén quixo colaborar coa cita e que cede estas obras para o sorteo. Ademais, quen participe na xornada levará tamén un pequeno recordo de Aloumiños. A partir das 17.00 horas os interesados e interesadas poderán obter información sobre a entidade nun espazo reservado a tal fin, e mesmo poderán facerse socios e socias se o desexan. Pouco antes do concerto, haberá tamén unha presentación para explicar os obxectivos de Aloumiños e logo xa comeza a festa no auditorio coa música pola diversidade. Durante toda a xornada, quen o desexe poderá posar no photocall.

Proxecto para crear "Rutas sen barreiras"Para asistir ao concerto de María Fumaça, que está incluído no programa dos Venres Culturais do Concello ademais de no festival Incluson, as entradas poden reservarse no 981 704 300 ou na Concellaría de Cultura de 11.00 a 14.00 horas cun límite de catro entradas por persoa. O prezo é de 3€ e de 2€ con desconto para estudantes con carné de estudante, maiores de 65 anos e menores de 12 anos. O Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, quixo subliñar que o obxectivo da cita é "abrir todas as actividades culturais e sociais ás distintas diversidades"; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, transmitiulles os seus parabéns a Aloumiños polo seu intenso traballo a prol da inclusión e por axudar a facer de Carballo "un bo lugar para vivir para todos e todas".

O Alcalde anunciou, ademais, que o Concello ten previsto un proxecto para crear "Rutas sen barreiras" nos percorridos empregados habitualmente polos nenos e nenas que seguen o Camiño Escolar ou Pedibús. O obxectivo é eliminar destas rutas todas as barreiras arquitectónicas, non só para os nenos e nenas, senón tamén para todos os veciños e veciñas que efectúan estes percorridos de cotío. Gabou a iniciativa de Aloumiños no edificio do Pazo da Cultura e explicou que, con esta nova ruta tentarase facer "non só que os espazos públicos sexan accesibles, senón tamén os espazos urbanos". Esta actuación financiarase con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña.

Compartir: