Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Rock e a música tradicional marcan o compás dos...

AS DÚAS CITAS SON DE BALDE

O Rock e a música tradicional marcan o compás dos Venres Culturais o venres 26 e o sábado 27 de febreiro

Mércores 24 de febreiro do 2016

O sábado 27 é a quenda da música popular. Con motivo do 25º aniversario do nacemento do Grupo de Cantareiras de Arume, a formación quere agasallarnos cun espectáculo musical e visual da súa traxectoria no mundo da cultura e da música tradicional. Nesta celebración, as mulleres e homes, que agora forman parte desta agrupación, realizarán un percorrido pola súa vida artística e persoal, onde haberá tempo para as lembranzas, os saúdos, os sorrisos e, como non, a música e o baile. O grupo de Cantareiras Arume botou a andar como tal a partir do ano 1990 en Berdillo, integrado por algunhas compoñentes do coro infantil e da escola de pandeireta da Agrupación Cultural Arume. Desde ese momento, foise forxando a identidade dun grupo pioneiro na comarca de Bergantiños dedicándose, xunto a outros, á recuperación, conservación e difusión do patrimonio musical. Froito de todos estes anos de traballo, as Cantareiras de Arume recolleron numerosos premios e mencións, outorgándolles o recoñecemento e o respecto do público e dos compañeiros. No ano 2005 editaron, como Cantareiras de Berdillo, o cedé "Sospirei boitei un aiç".

O acceso a este concerto, que organizan As Asociacións Cultural e Xuvenil Arume e co que colabora o Concello de Carballo, será de carácter gratuíto até completar o aforo do auditorio do Pazo da Cultura e dará comezo a partir das 21.00 horas.

Compartir: