Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo InterPlay aposta polos contidos en...

ABERTOS OS PRAZOS PARA PARTICIPAR NO CERTAME E NO FORMACIP

O Carballo InterPlay aposta polos contidos en galego e crea un premio de 1.500 euros para o financiamento de novas webseries

Xoves 25 de febreiro do 2016

Segundo anunciaron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira; e a directora do certame en rolda de prensa, o CIP chega á súa terceira edición "reforzado", cun fortalecido programa formativo e "cunha aposta clara pola innovación, pola creatividade e polo talento". Tanto Ferrero como Regueira recordan que o festival é "un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos" e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza "o liderado creativo de Carballo". "En Carballo estamos no mundo", asegurou Evencio Ferreiro, "e en galego tamén estamos no mundo. Contribuímos dende aquí a coñecer e a crear novas maneiras de comunicarnos co universo". Neste sentido, Sonia Méndez asegura que o Premio á mellor webserie internacional -creado na pasada edición- fai chegar o nome de Carballo e do CIP a todo o mundo e que todos os creadores e creadoras que entran en contacto co Interplay "acaban namorados do festival, de Carballo e da súa xente. Todos queren volver e todos se convirten en embaixadores da vila".

O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello de España que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos. A organización está actualmente pechando o programa de actividades da terceira edición do certame, do que Méndez adiantou que "apostaremos non só polas webseries, senón por todos os contidos dixitais: creación de contidos específicos para a rede e novas maneiras de difusión cultural a través da rede".

FormaCIPO Concello e a organización do festival completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses previos, o FormaCIP, que nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de semana do Festival. Algúns dos obradoiros xa teñen todas as prazas cubertas ("A dirección de actores" e "Marketing na rede e dende abaixo para o teu produto audiovisual), polo que a organización anima a quen estean interesados e interesadas a inscribirse canto antes.

Compartir: