Inicio Carballo ao día Hemeroteca Teatro, música, arte, cine e gaitas de...

CITAS ENTRE O MARTES 1 E O DOMINGO 6 DE MARZO

Teatro, música, arte, cine e gaitas de homenaxe: no programa dos Venres Culturais para a primeira semana de marzo

Luns 29 de febreiro do 2016

Venres Culturais

A programación dos Venres Culturais 2016 continúa cunha programación intensa e destinada a todos os públicos, con propostas tanto para adultos como para a familia: teatro, concerto infantil, exposición, cine e unha homenaxe serán as propostas máis interesantes, realizadas tanto polo Concello de Carballo como por asociacións do municipio. O venres 4 de marzo a compañía galega Teatro do Noroeste presenta a súa última producción "Palabras Malditas", un espectáculo recén estreado e galardoado cun accésit do Premio Lope de Vega 2014, que traerá ao escenario carballés a dous actores importantes da escena española: Miquel Ínsua e Sara Casasnovas. Baixo a dirección e a autoría de Eduardo Alonso, Teatro do Noroeste porá en escena un espectáculo teatral sobre a amizade e sobre o amor máis alá dos acontecementos na escura España da posguerra. A función comezará ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e o prezo da entrada será de 4 € e, o especial con desconto para estudantes e maiores de 65 anos de 3 €. A cita conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). O domingo 6 de marzo continúa a programación para os máis cativos e cativas co concerto de As maimiñas que presentan "Unha viaxe polo mundo", coa que todos os espectadores poderán cantar, bailar e gozar dunha viaxe ben festeira. A función comeza ás 18.00 horas no Pazo da Cultura e o prezo da entrada é de 3 € e o especial con desconto de 2 €- A cita conta coa colaboración do Programa Apego.

As entradas para os espectáculos que requiren entrada poden xa reservarse por teléfono na Concellaría de Cultura (981 704 300) en horario de 11.00 a 14.00 horas. Xa fóra das citas do auditorio, os Venres Culturais tamén reservan esta semana un espazo para a arte coa exposición "Catálogo" realizada entre diferentes creadores da comarca, Rosalía Fernández, Chiña, Paco Souto e Mon Lendoiro. Abrirase ao público o xoves 3 de marzo no andar -1 do Pazo da Cultura. Por último, tamén hai que mencionar as propostas das asociacións do municipio. A Asociación Ambiental Senda Nova presenta dentro das Xornadas de Interpretación bosques 2016, un ciclo de cine que terán lugar ao longo do mes de marzo na Biblioteca de Rego da Balsa ás 20.00 horas. Este martes 1 de marzo proxectarase "Amazonía Carbonizada" de Carlos García Paret e Ramón García, sobre os negocios internacionais que buscan un acordo global para a atallar o cambio climático. Estas proxeccións son de carácter gratuíto, e contan coa colaboración do CEIDA e do Concello de Carballo.

Por último, hai que mencionar que o sábado 5 de marzo o grupo de gaitas Lembranzas de Bergantiños homenaxean ao carballés recentemente falecido Francisco Calvo Regueiro "Regueiro", fundador e director da agrupación, ademais de artesán deste instrumento cun obradoiro de gaitas en Bértoa. Proxectarase, así mesmo, un vídeo na súa memoria. Esta homenaxe comezará ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e a entrada é gratuíta.

Compartir: