Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Semana da Muller aborda a educación, a...

CON MOTIVO DO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

A Semana da Muller aborda a educación, a violencia, o acoso ou a realización persoal nun completo programa a prol da igualdade

Venres 4 de marzo do 2016

Carballo conmemora o 8 de marzo, Día da Muller, cun completo programa de actividades destinadas a traballar a prol "da igualdade de oportunidades" así como para "visibilizar os problemas que padecen e axudar a mellorar a vida das mulleres", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. A Concelleira de Igualdade, Maica Ures, presentou xunto con el esta Semana da Muller que arrinca o luns 7 de marzo cun ciclo de contacontos para o alumnado de 5º e 6º de Primaria promovido dende a área de Servizos Sociais. O coñecido actor e humorista Pedro Brandariz será o encargado de visitar todos os centros de ensino do municipio en sesións para grupos reducidos que axuden a que os nenos e nenas interactúen e asimilen as mensaxes a prol da igualdade. O martes 8 estaba previsto incorporar ás actividades aos estudantes de Secundaria. O Día da Muller estaba prevista para eles a representación de "Tacóns na corda" un espectáculo teatral con música en vivo co que Verdeveras Expresiones Artísticas intenta rachar coas etiquetas, os estereotipos e os prexuízos que xiran arredor das mulleres. Finalmente, debido a que os institutos están en tempo de exames, a función aprázase ao xoves 17 de marzo, cando os rapaces e rapazas poderán reflexionar sobre igualdade grazas ao teatro. O mércores 9 o Pazo da Cultura acolle unha charla sobre Ciberacoso a cargo da Garda Civil. Será nun coloquio e almorzo a partir das 10.00 horas, e pretende ofrecer as claves para previr, detectar e, dado o caso, denunciar estas prácticas na rede.
O xoves 10 ten lugar unha das actividades que mellor acollida está tendo, un Taller de Danza Movemento Terapia que terá lugar no Pazo da Cultura en dúas quendas, unha ás 10.30 horas e outra ás 19.30 horas. Estaba previsto cubrir 25 prazas para cada quenda, pero finalmente decidiuse ampliar a 30 e están xa todas cubertas. A Danza Movemento Terapia persegue a conexión do corpo e a mente a través do movemento propio de cada persoa, utilizando expresións non verbais coma un proceso para promover a integración emocional, cognitiva, social e física. O taller pretende crear un espazo libre no que dialogar entre mulleres a través do movemento, a imaxe e a palabra. A encargada de impartir a actividade será Laura Martínez Rey. A Semana da Muller remata o venres 11 coa celebración dunha charla coa psicóloga do CIM, Lorena Seoane, dirixa a mulleres que teñen sufrido nalgún momento a violencia de xénero. Será no Pazo da Cultura ás 11.00 horas.

O programa complétase co WorkIN CarballoO Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante a presentación o feito de que se abordan moitas das casuísticas relacionadas co traballo a prol da igualdade de oportunidades das mulleres, dende a educación ata a realización persoal, pasando por casos de acoso ou violencia e mesmo a inserción laboral. Neste caso o programa da Concellaría de Igualdade complétase co da Concellaría de Promoción Económica coa celebración do WorkIN Carballo, un foro no que achegar a todas as partes implicadas na creación e busca de emprego, con especial atención á inserción laboral das mulleres. O mesmo 8 de marzo haberá un encontro no Fórum a partir das 20.00 horas no que o obxectivo é crear un espazo para que que as asistentes compartan experiencias profesionais e para que coñezan iniciativas emprendedoras lideradas por mulleres. Máis información sobre o WorkIN Carballo, aquí. Ferrero rematou a presentación felicitando a Maica Ures e ao departamento de Servizos Sociais polo programa e esperando que os esforzos de todas as administracións contribúan a acadar o obxectivo marcado por Nacións Unidas para o ano 2030 por un planeta 50/50.

Compartir: