Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chicharrón estrea en Carballo o seu...

O PRIMEIRO DIRECTO: O VENRES 11 NO PAZO DA CULTURA

Chicharrón estrea en Carballo o seu segundo disco

Mércores 9 de marzo do 2016

Chicharrón estrea en Carballo o seu segundo disco

Todos os amantes da mellor música independente teñen o venres 11 de marzo unha cita con Chicharrón, un grupo con raíces carballesas que presenta o seu segundo disco "Postal" que ousaron facer integramente en galego e no que "facemos unha parada para pensar no que levamos percorrido e no que nos rodea". E "nese camiño, démonos conta de que hai outra xente que segue o mesmo camiño ca nós e decidimos facelo xuntos". Así o explica Alberto Vecino, un dos compoñentes do grupo, que tamén sinala que é un disco con cancións que falan de amor e "moi coral", no que cada membro do grupo achegou o seu gran de area. Diego Gende, outro dos membros de Chicharrón, tamén sinala que, aínda que "Postal" é unha continuación do seu primeiro traballo, "Chicharrón", neste disco nótase unha certa "madurez" cunha "produción máis pulida"". Así, aínda que explican que manteñen os seus sinais de identidade, desta volta o grupo pasou das guitarras acústicas ás eléctricas, o que lles permitiu "máis matices" ou "incluír efectos". Sen desmerecer o traballo anterior, subliña Gende, "hai un salto de calidade". Ese salto pode observarse nas doce cancións que compoñen o traballo, no que escolleron o galego, "porque ten moito potencial lírico e moita musicalidade" segundo Gende. Aínda que poda parecer unha decisión arriscada para un disco do panorama máis pop e 'indie", "cando o escoitas non soa estrano", senón que "queda perfecto", asegura Gende. Tanto os grupies como os amantes da boa música, teñen unha cita o venres 11 de marzo ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura: os mellores sons a 3 euros de distancia.
Durante a presentación, Chicharrón estiveron arroupados polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e polo Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. Trigo desexou que o disco en galego lle permita ao grupo "ir máis alá de Galicia", e que "cumpra as expectativas dos seus seguidores e seguidoras". Ferrero, pola súa banda, quixo sinalar que "Carballo está vivindo un momento tremendamente interesante dende o punto de vista creativo". Un momento que pode verse a nivel literario, musical ou artístico. Respecto do idioma empregado no disco, o Alcalde quixo lembrar o caso de Andrés do Barro, número 1 en España con cancións en galego, e desexoulles a Chicharrón a mesma sorte. Para Ferrero, "os gobernos temos que estar para ser catalizadores e aceleradores das capacidades creativas da xente", e espera que iso suceda no caso de Chicharrón. Polo momento, ademais do concerto do venres xa teñen pechados ou apalabrados máis bolos en O Grove ou Lugo, por exemplo, e mesmo esperan cruzar fronteiras ata Portugal. Así que, se por casualidade non podedes velos o venres, non tendes escusa para non gozar en directo co seu traballo.

Polo momento, xa podedes escoitalos en BandCamp premendo aquí.

Compartir: