Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Vicepresidente do COE e Presidente da...

A CITA SERÁ UNHA FESTA DO HÓCKEY DO 1 AO 3 DE XULLO

O Vicepresidente do COE e Presidente da Federación Española de patinaxe arroupa a celebración do torneo 3x3 Carballo

Venres 4 de marzo do 2016

O Vicepresidente do COE e Presidente da Federación Española de patinaxe arroupa a celebración do torneo 3x3 Carballo

Carballo tivo a honra este venres 4 de marzo de recibir a visita do Presidente da Federación Española de Patinaxe e Vicepresidente do Comité Olímpico Español (COE) Carmelo Paniagua, que estivo na vila convidado polo Club Escola Lubiáns que quixo presentarlle en persoa un innovador torneo 3x3 que celebrarán o próximo mes de xullo. Painagua estivo na Alcaldía co Rexedor, Evencio Ferrero, co Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e con representantes de Escola Lubiáns como o seu Presidente, David García Bermúdez, ou o seu director deportivo, Carlos Loureiro. Nunha charla distendida os presentes falaron acerca da situación do deporte nunha vila como Carballo, pola que Paniagua se interesou; así como dos proxectos de Escola Lubiáns, un club que xa conta con 33 anos de vida. García Bermúdez quixo agradecer o apoio "continuo" do Concello para o deporte, nunha vila na que, na súa opinión e segundo lle comentou a Paniagua "hai grande variedade de opcións para calquera neno que queira practicar deporte". O Presidente da Federación asinou no Libro de Honra do Concello cualificando a Carballo como unha "cidade netamente deportiva e chea de vida" e tamén desexoulle sorte á administración local para a xestión deportiva futura. Despois dunha xuntanza distendida e na que tamén houbo espazo para as anécdotas, deportivas e de todo tipo, Painagua levou como agasallos un carballo de Sargadelos de parte do Concello e unha lareira feita en olería de Buño de parte de Escola Lubiáns, o que agradeceu moito.
Respecto do torneo 3x3 Carballo, co que colaborará precisamente a Federación Española, ademais do Concello a través de Carballo Deporte, Escola Lubiáns espera que arredor de 500 participantes se acheguen ao Pavillón Carballo Calero para celebrar o que confían que sexa "unha festa da patinaxe", en verbas de Carlos Loureiro. Durante tres días transformarán a zona Bergantiños nunha "mini-cidade deportiva" na que os asistentes das categorías sub 12, sub 14, sub 17, Absoluta, feminina, veteranos e Pro poderán participar non só no torneo de hóckey, senón tamén en xogos, concertos, obradoiros e mesmo gozar con comidas de convivencia. Respecto da modalidade deportiva 3x3, Loureiro sinala que será a primeira vez que se celebre en Galicia un torneo deste tipo, aínda que noutras zonas de España, como Cataluña, ten bastante tradición. Na modalidade 3x3 a pista divídese en espazos máis reducidos nos que só xogan 6 xogadores: un porteiro e dous xogadores de pista por cada equipo. Deste xeito, xogadas que nun partido normal son menos comúns poden gozarse case de continuo na cancha, con movementos máis espectaculares e de maior nivel técnico. Dende Lubiáns convidan á participación a todos os clubs que estean interesados para seguir fomentando o hóckey e o deporte, en Carballo e en Galicia.

Compartir: