Inicio Carballo ao día Hemeroteca As rúas Gran Vía e Vázquez de Parga son as que...

A POLICÍA REALIZA XA UN LABOR PREVENTIVO EN PUNTOS ESTRATÉXICOS

As rúas Gran Vía e Vázquez de Parga son as que presentan un maior número de accidentes de tráfico na capital carballesa

Mércores 16 de marzo do 2016

Respecto das consecuencias dos accidentes, en 2015 rexistráronse 58 persoas feridas, dos que 11 foron peóns; mentres que no que vai de 2016 rexistráronse 16 persoas feridas, con un peón entre elas. Tamén hai que sinalar as alcolemias de 2015, con 70 probas con resultado positivo, 18 en accidentes de circulación. Tramitáronse 51 por vía xudicial e 19 por vía administrativa. A Policía Local sinala que se ten detectado un incremento nos condutores ao volante que circulan baixo os efectos de bebidas alcólicas. De feito, aínda que entre as causas máis cotiás dos accidentes no que vai de ano están maioritariamente a de non respectar as prioridades de paso (con un 33,33 por cento); ou non prestar a atención suficiente (20,83 por cen); tamén hai que sinalar que un 8,33 por cento dos sinistros tiveron como causa a condución baixo os efectos de bebidas alcólicas.

En 2015 a Policía Local realizou cinco campañas e controis coa colaboración da Garda Civil de Tráfico cun balance de 11.440 vehículos controlados e 159 denuncias tramitadas; mentres que 131 vehículos foron retirados da vía pública, a maioría deles por causar incidencias graves na circulación. En todo caso, a Policía Local cualifica como "satisfactoria" a campaña de prevención en seguridade viaria, evitándose "en certa medida" que se producisen accidentes, infraccións ou atropelos de peóns.

Seguridade cidadáNo que respecta á seguridade cidadá, a Policía Local intensifica normalmente a vixilancia nos centros escolares e a súa contorna, nas zonas de ocio e diversión, nos lugares onde se concentra a mocidade, en lugares de botellón, no parque empresarial de Bértoa, en zonas susceptibles de tráfico de drogas e nas feiras e mercados, festas populares e festas patronais. O balance presentado polo informe reflicte que en 2015 rexistráronse 2.441 incidencias atendidas pola Policía Local, das que 512 estiveron directamente relacionadas coa seguridade cidadá. Un total de 166 foron as actas elaboradas en 2015 respecto da identificación de persoas.

Outras actuacións que destaca informe son as detencións de 11 persoas en 2015, 5 delas por roubos con forza ou violencia e 4 por atentados, resistencia ou agresións a axentes da autoridade. Foron incautadas dúas armas (navallas), unha substancia (cocaína) e obxectos procedentes dun roubo. Tramitáronse 80 denuncias administrativas (das cales 19 foron no ámbito de espectáculos públicos por incumprir os locais de ocio nocturno os regulamentos sobre horario, ruídos e instalacións de terrazas na vía pública). Nos dous primeiros meses de 2016 rexistráronse dúas detencións, unha por intento de roubo e outra por roubo con forza e atentado a axente da autoridade. Tamén se rexistrou un caso de incautación de substancia estupefaciente (cocaína). Por último, tramitáronse 8 denuncias administrativas, dúas delas por sobrepasar o horario de peche un local de ocio nocturno; e 6 por alteración da orde pública.

Compartir: