Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Venres Culturais rematan co regreso de...

VENRES 18 DE MARZO ÁS 21.00 HORAS

Os Venres Culturais rematan co regreso de Talía Teatro a Carballo coa estrea do seu último espectáculo

Mércores 16 de marzo do 2016

Talía Teatro

A programación dos Venres Culturais 2016, que se ven celebrando desde o mes de xaneiro, remata o venres 18 de marzo co último espectáculo da compañía ceense Talía Teatro, que poñerá en escena "Foucellas". Regresa de novo Talía ao escenario carballés baixo a dirección de Cándido Pazó e presentando unha das historias, ou case lenda, máis importantes da memoria popular galega. Foucellas é un mito, ou unha ficción teatral que especula sobre un mito histórico, pero, sobre todo, unha profunda reflexión sobre a utopía, a resignación, a vontade e, especialmente, a derrota. Historicamente Foucellas identifícase con Benigno Andrade, un célebre guerrillero antifranquista e anarquista de Mesía. A rumoroloxía popular atribuíulle toda clase de actos e fazañas, até o extremo de que os guerrilleiros galegos foron chamados "Foucellas" en xeral. Situada no ano 1952, a obra conta a historia do secuestro e atraco dun labrador acomodado e da súa muller por parte do mesmo Foucellas. Ou non. Da man de catro excelentes actores, Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez e Dani Trillo, "Foucellas" é un cita importante para os espectadores de teatro e, sobre todo, para quen lles gusten as historias con fondas raíces na memoria colectiva. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas. Os prezos das entradas son de 4 € e de 3 € co desconto previsto para estudantes e maiores de 65 anos. Poden reservarse na Concellaría de Cultura (981 704 300) cun máximo de catro entradas por persoa. A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos.

Compartir: