Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve o Carballo Handball Festival para...

MÁIS DE 600 NENOS E TÉCNICOS INVADEN O POBO EN SEMANA SANTA

Volve o Carballo Handball Festival para transformar a vila na capital galega do balonmán entre o 24 e o 26 de marzo

Xoves 17 de marzo do 2016

Por segundo ano consecutivo Carballo transfórmase en Semana Santa na capital galega do balonmán grazas "ás mellores escolas de balonmán de Galicia", segundo subliña o Alcalde, Evencio Ferrero: as Escolas de Balonmán Xiria. Máis de 600 nenos e nenas, ademais de técnicos e adestradores ocuparán os pavillóns Carballo Calero e Vila de Noia, así como as instalacións do CEIP Fogar, entre o xoves 24 e o sábado 26 de marzo. Un total de 30 equipos de 13 clubs en categorías benxamín, alevín e infantil vivirán unha auténtica festa do balonmán: o Club Balonmán Basauri, o JuanFersa Gijón, o BM Culleredo, o BM Lucus, o BM Camariñas, o Sao Paio de Oleiros, o AD Zas, o BM Cangas, o BM Xallas, a Escola Municipal de Abegondo, o BM Cines e o BM Narón, ademais das Escolas de Balonmán Xiria. Fernando Vázquez, adestrador responsable das escolas, manifestou a satisfacción "pola predisposición dos equipos convidados de volver a Carballo", o que ten "moito mérito nunha época na que hai torneos moi consolidados". Vázquez tamén quixo subliñar os beneficios que unha cita deste tipo ten para Carballo, con numerosos familiares dos xogadores e xogadoras de fóra que xa teñen buscado aloxamento no municipio para poder convivir durante o tempo que dure a cita. O Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, explicou que ese foi precisamente un dos obxectivos orixinais do festival: "buscar un produto alternativo para Carballo en Semana Santa que complemente a potente oferta xa existente na Costa da Morte". Asegura que o ano pasado conseguiuse con creces, xa que preto de 800 persoas visitaron a vila e este ano espéranse cifras similares.
Respecto das características deportivas do Handball Festival, está previsto que, se o tempo acompaña, os alevíns e benxamíns ocupen o CEIP Fogar (con 22 equipos), mesmo habilitando algunha pista nos patios para que os nenos e nenas podan xogar ao aire libre. A competición infantil masculina celebraríase no Pavillón Vila de Noia; e a Infantil Feminina no Pavillón Carballo Calero. Fernando Vázquez resaltou a celebración do torneo feminino, unha proposta que sabían que ía atraer a moitas nais e pais a Carballo e que organizaron case como un torneo paralelo. E ademais de todos os clubs, está previsto que os nenos e nenas que participan cada domingo de feira no Xiria Fan Sport tamén se acheguen ao CEIP Fogar para desenvolver actividades relacionadas co balonmán. O Vicepresidente das Escolas, José Antonio Rodríguez Fraga, quixo agradecer a contribución do Concello e das nais e pais que fan posible citas coma esta, así como a implicación de todos os equipos que veñen de fóra a participar no torneo.

O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, desexou que "tanto para o deporte, como para o sector hostaleiro e turístico de Carballo as expectativas sexan as mellores". E o Alcalde, Evencio Ferrero, pechou a presentación transmitíndolle os seus parabéns "e os de todas as persoas que aquí vivimos" ás Escolas de Balonmán Xiria pola "excelente" tempada que levan, e por coordinar citas como o Carballo Handball Festival, xa que sen a súa axuda o torneo non sería posible.

Compartir: