Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle por segundo ano consecutivo a...

INSCRICIÓNS ATÉ O MÉRCORES 6 DE ABRIL

Carballo acolle por segundo ano consecutivo a carreira por parellas, nocturna e solidaria De dous en dous

Luns 21 de marzo do 2016

Cartaz carreira De dous en dous

Carballo celebra por segundo ano consecutivo a carreira popular, solidaria, integradora e nocturna "De dous en dous", prevista para sábado 9 de abril e que está organizada polo Club Atletismo Carballo en colaboración co Concello. Xa hai arredor de 40 parellas inscritas nesta cita que tamén é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo. Segundo informa a presidenta de Atletismo Carballo, Asunción Vázquez, este ano a cita conta co apoio do doñecido corredor Abdelkader Bouguerroudj, de Atletismo Sada, gañador do circuito de carreiras da Deputación da Coruña e gran atleta arxelino, que quere apoiar así esta cita solidaria. O nome da carreira vén dado porque os participantes na categoría de adultos corren por parellas, de dous en dous, unidos por unha goma elástica polas mans e Bouguerroudj participará acompañado dun corredor carballés. Outra das peculiaridades da proba é que é nocturna, además de ter un carácter solidario posto que tanto os participantes coma o público poden entregar, de forma voluntaria, un quilo ou un litro de alimentos non perecedoiros ou productos de hixiene infantil a beneficio de Cruz Vermella e Cáritas. A organización tampuco esquece a integración, e máis hoxe, 21 de abril, Día Mundial do Síndrome de Down. Así, foméntase a participación de persoas con diversidade funcional, que poderán ir acompañadas ou utilizar os instrumentos necesarios para o seu desprazamento. A inscrición péchase o mércores 6 de abril ás 23.59 horas e haberá un tope de 300 parellas. Para inscribirvos, podedes clicar aquí.

Respecto do circuíto, terá unha distancia aproximada de 5.000 metros nun percorrido urbano de 1.000 metros. Moncho Ríos, de Atletismo Carballo, sinala que a carreira mantén o percorrido do ano pasado, con saída a carón do Mercado Municipal, baixada pola Doutor Fleming, Catro Portas, Vázquez de Parga, Desiderio Varela e volta á praza. O único cambio ten lugar na categoría Benxamín, no que o percorrido do ano pasado se vira alterado polas obras da rúa Colón pero que este ano volve a pasar por esa rúa. A categoría pitufo ten un percorrido de 150 metros. A saída de todas as probas estará na rúa Gran Vía á altura da rúa Álvarez de Sotomayor. A recollida de dorsais farase no primeiro andar do Mercado Municipal de abastos da praza do Concello de Carballo a partir das 16.00 horas do día da carreira.

Asunción Vázquez quixo subliñar o carácter festivo da cita, que, segundo apuntaba o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, o ano pasado foi un éxito de convocatoria e público. Vázquez quixo agradecer a colaboración do Concello e da Deputación da Coruña na organización, así como de Mónica Noya, que deseñou o cartaz de forma gratuíta, e de Alquileres Reneymar, Mercadona e Ambulancias Santa Marta. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo felicitar a Atletismo Carballo por apostar por "esta iniciativa pioneira" que demostra, non só que "Carballo é deporte", senón tamén que é "un Concello solidario".

Os premios que se repartirán son os seguintes:

  • Categoría Pitufo: terán medalla todos os participantes.
  • Categoría Benxamín feminino e masculino: trofeos para os tres primeiros/as corredores/as e medallas para todos os participantes.
  • Categoría Alevín feminino e masculino: trofeos para os tres primeiros/as corredores/as e medallas para todos os participantes.
  • Categoría Infantil feminino e masculino: trofeos para os tres primeiros/as corredores/as e medallas para todos os participantes.
  • Categoría Cadete feminino e masculino: trofeos para os tres primeiros/as corredores/as.

Por parellas:
  • Trofeos para os tres primeiros equipos masculinos.
  • Trofeos para os tres primeiros equipos femininos.
  • Trofeos para os tres primeiros equipos mixtos.
  • Trofeos para os tres primeiros equipos masculinos, femininos ou mixtos que superen os 100 anos entre os dous.

O regulamento da proba pode descargarse máis abaixo en pdf nesta mesma nova.

Ligazóns

Compartir: