Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado o segundo recoñecemento extraxudicial de...

UNANIMIDADE PARA A EXCLUSIÓN DUN DOS LICITADORES DO CICLO DA AUGA

Aprobado o segundo recoñecemento extraxudicial de crédito de 2016: os dous xuntos supoñen o 0,54 por cento do orzamento

Martes 29 de marzo do 2016

O luns 28 de marzo a corporación carballesa celebrou a sesión plenaria ordinaria do mes de marzo que supuxo a aprobación do segundo recoñecemento extraxudicial de crédito do ano 2016  cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención dos restantes. O pago de facturas ascende a 68.015,99 euros. Xunto co recoñecemento aprobado no pleno de xaneiro, que foi de 64.260,55 euros, os dous fan un total de 132.276,54 euros, o 0,54 por cento do total do orzamento do Concello. Por unanimidade, en cambio, saíu adiante a aprobación da exclusión dun licitador do proceso para contratar a xestión do servizo público do "Ciclo integral da auga do Concello de Carballo". Dada a contía do contrato, de 49.146.070,87 euros (IVE incluído) por un prazo de 20 anos (con cinco de prórroga previo acordo das partes), calquera decisión que afecte ao proceso debe de ser ratificada polo pleno. Neste caso, a mesa de contratación considerou pertinente a exclusión dunha das UTEs (Unión Temporal de Empresas), por non ten acreditado a solvencia técnica suficiente. Tamén por unanimidade saíu adiante a concesión de compatibilidade para un profesor de guitarra do Conservatorio Profesional de Música para que poda impartir clase nunha academia. Por último, nunha sesión de preto de tres cuartos de hora, BNG, TEGA e PSOE apoiaron unha moción presentada polo grupo socialista na que se solicita a paralización do calendario de aplicación da LOMCE, a nova lei de educación. Incluíuse unha emenda de TEGA para solicitar que o Goberno favoreza o fomento dos ciclos de formación profesional.

Compartir: