Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello recomenda á veciñanza que extreme as...

PROTECCIÓN CIVIL INSTA AOS VECIÑOS/AS A PERMANECER NA CASA

O Concello recomenda á veciñanza que extreme as precaucións arredor dos ríos, regatos e zonas baixas a causa das inundacións

Mércores 30 de marzo do 2016

O Concello de Carballo a través da Concellaría de Seguridade que dirixe Milagros Lantes e de Protección Civil recomenda aos veciños e veciñas que extremen as precaucións a causa dos asolagamentos que se teñen rexistrado dende a madrugada de hoxe mércores 30 de marzo. En concreto, Protección Civil recomenda aos veciños e veciñas que queden na casa e que só a abandonen por causa de forza maior; que eviten as zonas situadas a carón de ríos e regatos tanto no casco urbano como nas parroquias; que tamén eviten estar en sotos e zonas baixas; e que non camiñen polas zonas anegadas xa que pode haber sumidoiros e tapas de rexistro levantadas que provoquen algún incidente ao non ser visibles por culpa dos niveis de auga. Nestes momentos, ás 12.00 horas, 16 integrantes de Protección Civil están espallados por todo o territorio municipal axudando na sinalización das zonas afectadas e a paliar na medida do posible os efectos das choivas, mobilizados dende primeira hora da noite do martes 30; os bombeiros tamén están axudando aos veciños e veciñas, así como a Policía Local e a Brigada de Obras. No casco urbano, as zonas máis afectadas e que neste momento están precintadas ou presentan problemas son a contorna das rúas Xirona e Tarragona a carón do Parque do Anllóns e en toda a contorna do parque; o Parque do San Martiño e toda a súa contorna incluíndo o seu apardadoiro, a rúa Igrexa e o aparcadoiro do Gadis da Milagrosa; a contorna do Rego da Balsa, a zona do IES Isidro Parga Pondal e parte da estrada de Razo; o Bosque do Añón; e a rúa Berdillo, entre outras. No caso das parroquias, están afectadas todas as zonas próximas a ríos e regos das parroquias de Cances, Entrecruces, Ardaña, Rus e Noicela, e especialmente a contorna da estrada CP-1914 Carballo-Santiago ao seu paso polo municipio.
Nestes momentos, ás 12.00 horas, hai que dicir que a circulación aínda é posible na estrada entre Carballo e Santiago. Tamén hai que mencionar que tres persoas tiveron que ser evacuadas das súas vivendas na zona do Muíño do Quinto sobre as 7.00 horas da mañá. Protección Civil e o 112 Galicia foron altertados e finalmente estas persoas están en casa duns familiares. Outras cinco vivendas da mesma zona sufriron asolagamentos, aínda que non foi necesario efectuar máis evacuacións.

Compartir: