Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación manifesta o seu apoio ao Concello e...

A VICEPRESIDENTA DO ENTE PROVINCIAL VISITOU O PAZO DA CULTURA

A Deputación manifesta o seu apoio ao Concello e ponse ao servizo da veciñanza con motivo das inundacións desta semana

Xoves 31 de marzo do 2016

A Deputación manifesta o seu apoio ao Concello e ponse ao servizo da veciñanza con motivo das inundacións desta semana

A Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, visitou hoxe, xoves 31 de marzo, pola mañá o Concello de Carballo para poñerse a disposición da administración local e da veciñanza e colaborar en calquera axuda que sexa precisa e que estea en mans do organismo provincial despois das inundacións por choivas rexistradas esta semana no municipio. Sanmartín visitou o Pazo da Cultura acompañada polo Alcalde, Evencio Ferrero; pola Concelleira de Seguridade, Milagros Lantes; polo Concelleiro de Obras, Luís Lamas; e polo Concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo; ademais de polo Concelleiro de Deputado provincial Xosé Regueira. Hai que mencionar que como consecuencia das inundacións o auditorio do Pazo da Cultura quedou onte anegado, aínda que hoxe a auga xa está completamente evacuada e está previsto que o sábado 2 comecen as actuacións previstas para o programa de Primavera enDanza con total normalidade. Ademais, de Carballo, Sanmartín visitou ao longo da mañá os municipios de Coristanco e Ponteceso, tamén afectados polas choivas, para amosar o seu apoio. Respecto da situación en Carballo, a Concelleira de Seguridade, Milagros Lantes, sinala que a Policía Local e Protección Civil están realizando un informe con todas as incidencias rexistradas a causa das inundacións co obxectivo de realizar unha avaliación e unha valoración do sucedido. En todo caso, ao longo da xornada de hoxe o nivel da auga xa baixou nas zonas afectadas, sendo xa medio metro inferior aos rexistrados o mércores xa dende primeira hora e continuando a súa redución en horas sucesivas. A predición de MeteoGalicia avanza poucas precipitacións ou practicamente ningunha para os próximos días.

Compartir: