Inicio Carballo ao día Hemeroteca O espectáculo de produción...

SÁBADO 2 DE ABRIL NO PAZO DA CULTURA

O espectáculo de produción internacional Invisible Wires de La Macana abre a programación de Primavera enDanza

Xoves 31 de marzo do 2016

Primavera enDanza comeza co espectáculo de produción internacional

A compañía galega La Macana abre o programa de Primavera enDanza por todo o alto, cunha coprodución europea con centros de creación de Alemaña, Barcelona e ademais coproducida tamén pola Axencia galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. O fan con "Invisible Wires", un espectáculo multidisciplinar no que podemos atopar texto falado, pero sobre todo danza e música en vivo para construír unha peza "intensa" e tamén algo "rara". Así o explicaba o cubano Julio César Iglesias, director do espectáculo, na presentación desta cita na que estivo acompañado polo bailarín, tamén cubano, Álexis Fernández; pola fundadora da compañía e axudante de dirección Caterina Varela e polo Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. O feito de que sexa unha produción internacional outorga sostenibilidade a este tipo de proxectos, xa que son moitos os patrocinadores que fan posible que o público poida gozar coa proposta. O espectáculo acaba de ser estreado en Alemaña, os días 11 e 12 de marzo, e chega a Galicia nunha mini xira por Carballo, un sitio que describen como "referente da danza en Galicia", e tamén con paradas en Coruña e Santiago, sendo estas tres as únicas actuacións en Galicia. Seis bailaríns de distintos países colaboran para construír un espectáculo no que potencian a creación grazas á colaboración de distintas escolas de danza. Os foráneos manifestaron estar "encantados" de visitar Carballo, xa que tiñan clar que era un lugar preferente para vir a bailar. A cita é o sábado 2 de abril e o prezo é de 5€ (3,5€ con desconto). A duración prevista é de 60 minutos.

Respecto da construción de "Invisible Wires", o equipo manifestou a súa satisfacción por traballar baixo a dirección de Julio César Iglesias, vello coñecido de La Macana que foi quen de complementarse con eles, con moita "liberdade na creación". A proposta debulla os fíos invisibles que determinan as relacións humanas, que se manteñen na distancia ou que conectan diferentes persoas sen a veces pretendelo. Nesta peza de danza a narración constrúese a través de imaxes con seis excelentes intérpretes de Islandia, Alemaña, Inglaterra, Galicia, Cuba, e coa música orixinal en directo do compositor belga Niko Hafkenscheid. Non hai escusas para non achegarse ao Pazo da Cultura o sábado 2 de abril ás 21.00 horas e gozar con esta proposta.

Compartir: