Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello abre o prazo para que as agrupacións...

SOLICITUDES ATÉ O 14 DE ABRIL

O Concello abre o prazo para que as agrupacións de música e danza do municipio participen no Convenio Musical 2016

Venres 1 de abril do 2016

A Xunta de Goberno Local aprobou o luns 28 de marzo as bases do Convenio Marco de Actuacións Musicais a favor de grupos de Música e Danza Tradicional, Masas Corais, Orquestras, Conxuntos e Bandas de Música para o ano 2016. Nestas bases tamén se indican os prazos para que os grupos que queiran adscribirse a este, así o poidan realizar. As normas deste ano introducen varias novidades para os grupos que queiran acollerse a este Convenio como a limitación do lugar de actuación para aquelas agrupacións con sede no casco urbano, a realización dunha sóa actuación por evento e nunha parroquia distinta á do ano anterior así como a da excepcionalidade desta norma que se terá en conta previa solicitude por escrito. As agrupacións musicais aspirantes, deberán presentar, no impreso correspondente -que facilita a Concellaría de Cultura- e por Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Carballo (preferentemente no rexistro existente no Pazo da Cultura, Rúa do Pan s/n), as súas solicitudes que, unha vez analizadas e seleccionados os grupos que cumpran cos requirimentos do Convenio, o Concello asinará con cada agrupación musical. Se o número de solicitudes de agrupacións musicais que queren participar no convenio supera o presuposto dispoñible, poderán priorizarse as solicitudes e realizarse unha selección de acordo con varios criterios.

Teranse en conta os seguintes parámtros: atender ás necesidades ou demandas previsibles de actuacións; realizar unha distribución equitativa entre as distintas modalidades de grupos, para o que se valorará que as agrupacións musicais pertenzan a entidades culturais e a participación activa das agrupacións nos programas de actividades das entidades; comprobar que, como mínimo, o 50 pro cento dos membros das agrupacións estean empadroados no Concello de Carballo ou a antigüidade, traxectoria e currículum do grupo e/ou dos seus compoñentes. Faise especial fincapé no Convenio en que, as agrupacións musicais cubran coa maior precisión e veracidade posible, todos os datos do impreso así como a de respectar o prazo previsto para a súa entrega que rematrá o xoves 14 de abril.

Descargas

Compartir: