Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezan os preparativos do 4º Día do...

ESTE ANO O CARTEL ANUNCIADOR FAI REFERENCIA AOS MURAIS DA VILA

Comezan os preparativos do 4º Día do Pequebasket, que congregará a centos de nenos e nenas en Carballo o Día das Letras

Sábado 2 de abril do 2016

Cartaz 4º Día do Pequebasket

Escola Basket Xiria espera reunir o vindeir o 17 de maio en Carballo no 4º Día do Pequebasket a preto de 600 nenos e nenas, e, en consecuencia, a 600 familias que compartirán unha xornada de deporte, cultura, xogos e diversión que será posible grazas á implicación do Concello, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, así como á colaboración de numerosas empresas e entidades. Basket Xiria quere agradecer o esforzo de todas as partes implicadas para que, un ano máis, esta cita sexa posible. O venres 15 de abril abrirase o prazo de inscrición para participar, aínda que xa son numerosos os clubs que se interesaron pola iniciativa e de feito confirmaron a súa presenza antes da apertura oficial do prazo de inscrición. O equipo organizador do 4º Día do Pequebasket leva varias semanas traballando na programación da xornada lúdica, festiva e deportiva que se celebrará o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e xa pronto pechará as actividades de lecer que se levarán a cabo. Precisamente, dado o éxito e a repercusión que tivo o 3º Día do Pequebasket, que xa está considerado como un evento de referencia autonómica, este ano aumentouse o límite a 49 equipos, e non se incrementa máis asistencia porque para un evento dun só día, non sería posible acoller a máis. A información sobre a inscrición pode atoparse no web <www.diapequebasket.es>.

Descargas

Compartir: