Inicio Carballo ao día Hemeroteca Música, obradoiros, cinema, faladoiros,...

ENTRE ABRIL E XUÑO DE 2016

Música, obradoiros, cinema, faladoiros, concursos, Manuel María e moitos libros na Biblioteca Rego da Balsa

Luns 4 de abril do 2016

Cartaz Programa da Biblioteca Rego da Balsa entre abril e xuño de 2016

Na Biblioteca Rego da Balsa comezan a primavera con moitas enerxías e con moitas gañas de ofrecer, unha vez máis, un completísimo programa de actividades para os meses de abril maio e xuño. As instalacións da rúa Bos Aires manteñen as citas habituais que até o de agora se viñan celebrando: con faladoiros, presentacións literarias, contacontos, concursos, etc. Pero tamén hai novidades: obradoiros, proxeccións cinematográficas ou os concertos do Curruncho Pop. Ademais, xa que abril e maio son os meses do Libro e das Letras Galegas, respectivamente, moitas das citas estarán orientadas a conmemorar estas datas, con moitas actividades relacionadas coa figura do homenaxeado este ano polo 17 de maio, Manuel María. Unha das citas máis sinaladas e a presentación da biografía do autor realizada por Mercedes Queixas.

En canto aos principais temas que se abordarán están, ademais da literatura, a cociña, a ilustración, a cultura urbana, a banda deseñada e mesmo tatuaxes. Unha inmensa variedade de temas, que interesará a todo tipo de idades e perfís. Por se fora pouco, haberá un novo Concurso, incorpóranse contacontos e francés e un club de lectura no idioma galo, ponse en marcha o segundo Club de Lectura da Rego da Balsa e coma sempre, todas as citas, son de balde.

Algunhas citas precisan convite

Aínda que todas as actividades son de balde, algunhas precisan convite previo a causa do aforo limitado polas características das instalacións. A recollida de convites para as actividades debe facerse na propia Biblioteca Rego da Balsa dende unha semana antes do desenvolvemento da actividade. Podedes estar atentos a todo o que acontece na biblio a través do web <bibliocarballo.wordpress.com>; e pedir máis info no enderezo electrónico <biblioteca@carballo.gal> e no 981 758 580. E tamén en todas as redes sociais da Rego da Balsa.

Descargas

Compartir: