Inicio Carballo ao día Hemeroteca A BDT forma a 50 persoas desempregadas nas...

AÍNDA PODEDES ANOTARVOS ATÉ O SÁBADO 2 DE ABRIL

A BDT forma a 50 persoas desempregadas nas competencias clave para acceder ao certificado de profesionalidade de nivel 2

Venres 1 de abril do 2016

A BDT forma a 50 persoas desempregadas nas competencias clave para acceder ao certificado de profesionalidade de nivel 2

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo ofrece a 50 persoas desempregadas a posibilidade de formarse nas competencias clave para acceder ao certificado de profesionalidade de nivel 2. As probas de avaliación, que convoca a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, celebraranse o 21 de maio en Silleda, pero as persoas que queiran presentarse teñen que inscribirse previamente. O prazo finaliza este sábado, 2 de abril. Para que as persoas que aspiran a obter o certificado de profesionalidade de nivel 2 se presenten ao examen nas mellores condicións, o Concello de Carballo ofrécelles a formación previa precisa nas áreas de coñecemento de Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés e Matemáticas. O curso, que abrangue 140 horas lectivas, desenvolverase entre o 1 de abril e o 20 de maio. Os participantes dividiranse en dúas quendas: de 09.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 20.30, en ámbolos casos de luns a venres. Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles, pero dende a BDT lémbrase aos posibles interesados/as que para poder inscribirse deben rexistrarse previamente (se non o están) como usuarios da Bolsa de Traballo e matricularse antes do sábado para poder presentarse ás probas que convoca a Xunta de Galicia. As persoas que queiran máis información poden pasar polo Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n e 981 709 010).

As probas de avaliación que se celebrarán o 21 de maio en Silleda están dirixidas a traballadores/as desempregados e/ou ocupados/as que desexen optar nun futuro a cursos de formación profesional para o emprego de nivel 2, é dicir aquela formación onde se requira para poder participar a titulación mínima da educación secundaria obrigatoria (ESO). A Tenente de Alcalde e alcaldesa en funcións estes días, Milagros Lantes Seara, visitou o venres 1 de abril as instalacións do Fórum para falar co alumnado do curso.

Compartir: