Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Hermanos Podcast e os Venga Monjas...

O CIP ACOLLERÁ A PRESENTACIÓN DA LONGAMETRAXE ESTIRPE

Os Hermanos Podcast e os Venga Monjas actuarán en directo no III Festival Carballo Interplay que terá lugar en maio

Martes 5 de abril do 2016

A coñecida actriz Silvia Alonso protagoniza a longametraxe Estirpe que se estrea no CIP

A coñecida actriz Silvia Alonso protagoniza a longametraxe "Estirpe" que se estrea no CIP

O III Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de maio, vén cargado de pratos fortes para os seguidores e seguidoras dos contidos audiovisuais en Internet. A organización está actualmente pechando o programa de actividades da terceira edición do certame e avanza que os asistentes a esta terceira edición poderán gozar coas actuacións en vivo e en directo de recoñecidos creadores de contidos específicos para a rede, como os "Hermanos Podcast", o autor de Cálico Electrónico ou os Venga Monjas, que xa estiverón en Carballo en 2015 e que desta volta presentarán o seu novo show, "Da Suisa", nunca visto en Galicia. O CIP 2016 será tamén o escenario elixido por Adrián López para presentar en Galicia a longametraxe "Estirpe" (na imaxe Silvia Alonso, unha das protagonistas), poucos días despois da súa estrea no Festival de Málaga. Todas as actividades do festival son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo. Ademais, Noel Ceballos e El Hematocrítico ofrecerán no Carballo Interplay un episodio especial, en vivo e en directo, do seu popular "Hermanos Podcast", un programa de radio por internet aperiódico (pero con vocación semanal) baseado na conversación libre e caótica dos dous autores, que gozan falando de temas relacionados coa cultura pop, "pero non todo o tempo". No CIP explicarán, cunha vídeo charla, as rupturas que tiveron lugar na linguaxe audiovisual hai vinte anos, concretamente no terreo do videoclip.

O público de Carballo poderá ver tamén en directo a última creación de Venga Monjas, a versión defectuosa dos Simpson: os "Da Suisa". Despois de actuar en incontables cidades, o dúo formado por Xavi Daura e Esteban Navarro -que repiten no festival- chegan a Carballo cun show en directo cheo de suor e de proxeccións salvaxes de parodias dos capítulos dos Simpson feitas de memoria no que definen como "o festival de webseries máis guasón do panorama". A longametraxe "Estirpe" é a ópera prima do coruñés afincado en Madrid, Adrián Lopez, que pretende contar a historia dun cómic de culto que nunca existiu e financiou boa parte da súa produción cunha campaña de crowfunding. Interpretada, entre outros, por Sergio Peris-Mencheta, Silvia Alonso, Rubén Sanz, Javier Botet ou Rocío León, e con BSO de Xoel López, "Estirpe" é unha curiosa historia de superheroes, nazis e militares da España franquista que ten tres niveis de narración entrecruzados: flashbacks, documental e metacinema. O Carballo Interplay será o escenario para a presentación da obra ante o público galego, poucos días despois do seu paso polo Festival de Málaga.

Masterclass do creador de Cálico Electrónico

E para os que ademais de ver queiran aprender, o creador de Cálico Electrónico, Niko de Nikotxán, ofrecerá unha masterclass de animación en tecnoloxía Flash. Cálico Electrónico é "o maior superhéroe de todos os tempos" e é, tamén, a serie de animación online de fala hispana máis relevante da Internet con máis de 100 capítulos e cun acumulado de máis de 30 millóns de visitas desde 2004. O seu creador contará no CIP como empezou a animar en Flash, como se lle ocorreu crear a Cálico e todo o que lle leva sucedido no mundo da animación dixital.

Estas actividades súmanse ás xa anunciadas pola organización do CIP, que a semana pasada adiantaba a presenza no Festival de youtubers, vídeo bloggers, pranksters e viners tan coñecidos dentro e fóra de Galicia como Dulceedeleche ou Tworumbel, os Páramo Pictures, os Poetarras e os responsables da webserie "Fame". O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello de España que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos.

Ligazóns

Compartir: